Inicio Destacado A Deputación aproba o Plan de Cooperación de 2022 para financiar 105...

A Deputación aproba o Plan de Cooperación de 2022 para financiar 105 obras municipais e de mantemento da rede viaria provincial

Pleno Febrero 2022 1

Na sesión ordinaria de febreiro aprobouse definitivamente o cambio do modo de xestión do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que pasa da xestión directa a indirecta

A corporación ratificou o inicio do expediente para nomear fillo predilecto da provincia a título póstumo a José Quiroga Suárez (Petín, 1920 – A Rúa, 2006), aprobando tamén a concesión da Medalla de Ouro da provincia ao profesor ourensán José Paz

No capítulo de proposicións acordouse solicitar a mellora da diagnose, valoración, seguimento e tratamento da silicose en Ourense, e a adopción de medidas por parte do sector bancario para unha atención digna aos usuarios

Ourense, 25 de febreiro de 2022.- O pleno da Deputación de Ourense, reunido hoxe en sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou inicialmente o Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2022, cun orzamento de máis de 6,2 millóns de euros. Desta cantidade, 3,4 millóns están destinados ás obras e servizos municipais, onde cada concello recibirá unha achega de 51.000 euros, dos que 48.000 serán para a execución da obra e os restantes 3.000 para servizos complementarios como redacción de proxectos. No caso da entidade local menor de Berán, a achega será de 24.000 euros, dos que 2.000 serán para eses servizos complementarios.

Neste apartado de obras e servizos, os concellos poden incrementar as achegas da Deputación a través de recursos propios co fin de executar proxectos de maior custo. No presente exercicio son oito os concellos que optaron por esta modalidade, con achegas municipais que superan os 357.000 euros. Ademais, mantense a posibilidade de adhesión á base 9ª, creada en 2020 como un réxime especial a causa da pandemia da covid-19, de tal xeito que os concellos poden solicitar o ingreso nas súas arcas de todo o importe da achega provincial, é dicir, 51.000 euros, para destinalos a amortización de créditos ou ao financiamento de gastos correntes derivados da prestación de servizos. Para este ano son 26 os concellos que optan por esta vía, o que supón máis de 1,3 millóns de euros do Plan de Cooperación.

No tocante á mellora e conservación da rede viaria provincial, o orzamento é de 1,5 millóns de euros para executar ata doce proxectos, entre os que destacan dúas obras valoradas en 220.000 euros cada unha nos municipios de Monterrei e Castrelo de Miño.

O documento aprobado hoxe inclúe un plan complementario que permite contar cunha carteira de proxectos que se executarían na medida en que existan créditos dispoñibles por anulación de obras ou baixas nas licitacións, así como tamén co obxectivo de obter a declaración de utilidade pública naquelas obras que precisen da expropiación de terreos para a súa execución. Para as obras municipais, este plan complementario ten un orzamento de máis de 1,7 millóns de euros, dos que case 116.000 euros corresponden a proxectos que contan con achega municipal. Entre tanto, para a rede viaria provincial prevese un orzamento de 4 millóns de euros.

Leer más:   ÚLTIMA HORA | Tragedia en Celanova: fallece una persona en un accidente de tráfico

Xestión de residuos

Tamén se aprobou definitivamente o cambio do modo de xestión do servizo público intermunicipal de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que pasa da xestión directa a indirecta. O pleno ratificou así o acordo adoptado na sesión de decembro do pasado ano, polo que se considera que a forma máis adecuada para prestar este servizo é a xestión indirecta a través das modalidades previstas na lei, é dicir, mediante un contrato con prestación directa á cidadanía ou unha concesión de servizos. O pleno tamén desestimou dúas reclamacións presentadas contra este expediente.

Entre outros asuntos, no pleno aceptouse a delegación de competencias a favor da Deputación solicitada polo Concello de Castrelo de Miño, para a expropiación de terreos destinados á construción da estación de tratamento de auga potable en San Esteban, así como a toma de auga desde o río Miño para abastecemento do municipio. Tamén acordouse solicitar ao Consello da Xunta unha prórroga, ata o 14 de marzo de 2024, da autorización para a asunción por parte da Deputación da prestación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos, entidade que mantén vixente un plan de axuste aprobado pola corporación local en 2017 cunha duración de dez anos. Ademais, na orde do día figuraba unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para a incorporación dun posto de persoal eventual como asesor político para o grupo Democracia Ourensana, e un cambio na representación de cargos no INORDE, nomeando ao deputado provincial Armando Ojea en substitución de Miguel Caride.

Expedientes de honras

No capítulo de honras ratificouse o inicio do expediente para o nomeamento de José Quiroga Suárez (Petín, 1920 – A Rúa, 2006) como fillo predilecto da provincia a título póstumo, en recoñecemento dunha figura vital para o desenvolvemento do autogoberno galego, exercendo como presidente da Xunta de Galicia entre 1979 e 1982. O expediente terá como instrutor ao vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández.

Por outra banda, aprobouse a concesión da Medalla de Ouro da provincia ao profesor ourensán José Paz, como homenaxe e recoñecemento “a unha longa traxectoria cultural marcada polo seu carácter renovador no ensino e reivindicativo no idioma, que o converteu nun referente tanto dentro como fóra dos limites da nosa provincia”, sinala no expediente o instrutor e vicepresidente César Fernández.

Mocións sobre tratamento da silicose e atención digna no sector da banca

No capítulo de proposicións, a corporación aprobou dúas mocións. Na primeira solicítase a mellora da diagnose, valoración, seguimento e tratamento da silicose en Ourense, instando á Xunta de Galicia á creación de dúas unidades na rede pública do Sergas, unha Ourense e outra en Pontevedra, así como a poñer en marcha un programa integral que conte ca participación das consellerías con competencias na materia, formación; protocolos de actuación ou seguimento e control da actividade e investigación. Tamén se solicita a implantación no hospital comarcal de Valdeorras dunha unidade de pneumoloxía para o seguimento periódico de doentes, debido á incidencia de casos de silicose.

Leer más:   A Deputación patrocina a publicación da guía "Vía da Plata: Sevilla-Ourense-Santiago por el Camino Mozárabe"

Na segunda moción pídese a adopción de medidas por parte do sector bancario para unha atención digna aos usuarios, solicitando á Xunta e ao Estado unha lei que garanta a atención persoal, cuns horarios mínimos, tanto a persoas con poucas habilidades dixitais como aquelas con dificultades de acceso a internet e impedindo contías mínimas para a retirada por caixa. Tamén se demanda unha rede mínima de oficinas, caixeiros e atención presencial para os consumidores, cunha lei que impida o peche de sucursais en zonas estratéxicas, tanto no rural como en barrios de contornas urbanas.

A totalidade dos acordos adoptados polo pleno foron os seguintes:

Relación de Postos de Traballo

Modificación da Relación de Postos de Traballo da Deputación de Ourense no relativo ao persoal eventual ao servizo dos grupos políticos.

Representación no Inorde

Modificación do representante da Corporación no Inorde, nomeando ao deputado provincial Armando Ojea.

Servizos mínimos no Concello dos Blancos

Solicitar ao Consello da Xunta de Galicia a prórroga, ata o 14 de marzo de 2024, da autorización de asunción pola Deputación de Ourense da prestación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos.

Servizo de recollida de lixo

Desestimación de alegacións e aprobación definitiva da modificación do modo de xestión do servizo público intermunicipal delegado de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos (RSU) da Deputación de Ourense, pasando de xestión directa a xestión indirecta.

Plan de Cooperación

Aprobación inicial do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais (Plan base) e da Rede viaria provincial para o exercicio 2022.

Fillo predilecto

1º.- Incoar o expediente para o nomeamento de José Quiroga Suárez (Petín. 1920 – A Rúa, 2006) como fillo predilecto da provincia a título póstumo.

2º.- Designar ao deputado provincial e vicepresidente primeiro Rosendo Fernández como instrutor do expediente.

3º.- Solicitarlle á Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade que ditamine favorablemente a ratificación, por parte do Pleno, decisión de iniciar o dito expediente.

Medalla de Ouro

Outorgarlle a Medalla de Ouro da provincia ao insigne profesor ourensán José Paz Rodríguez, consonte coa proposta formulada polo instrutor do expediente, o vicepresidente César Fernández.

Delegación de competencias do Concello de Castrelo de Miño

Aceptar a delegación de competencias formulada polo Concello de Castrelo de Miño, para tramitar un expediente de expropiación para construir a estación de tratamiento de auga potable (ETAP) en San Esteban e unha toma de auga do río Miño para abastecemento do municipio.

Mellora no tratamento da silicose

1. Instar á Xunta de Galicia á creación de dúas unidades de referencia dentro da rede pública do Servizo Galego de Saúde –unha en Ourense e outra en Pontevedra– para a diagnose, detección, valoración, seguimento e tratamento da silicose, para os traballadores e traballadoras do sector da lousa e da pedra.

Leer más:   Agenda de Mayo 2024

2. Instar á Xunta de Galicia á posta en marcha dun programa integral de silicose que conte ca participación das consellerías con competencias nesta materia –Emprego, Sanidade e Industria-, con liñas concretas de actuación en formación; protocolos de actuación ou seguimento e control da actividade e investigación, no que se establezan, como principios orientadores, a participación consensuada e activa de tódolos actores implicados (sindicatos, patronal, ISGA, servizos de prevención e mutuas, INSS, TGSS, sociedades científicas, etc.).

3. Instar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, á implantación no Hospital Comarcal de Valdeorras dunha unidade de pneumoloxía, coordinada coa do hospital de referencia na provincia, para o seguimento periódico de doentes, debido á incidencia de casos de silicose.

4. Instar á Deputación Provincial de Ourense a asumir publicamente o compromiso de defender os intereses e necesidades da veciñanza de Ourense, esixindo á Xunta o cumprimento das xustas peticións enumeradas nos puntos anteriores.

Atención aos usuarios no sector bancario

1. Reiterar os acordos acadados no pleno de abril de 2021.

2. Solicitar á Xunta de Galiza e a o Goberno do Estado Español, que desenvolvan a lexislación necesaria para garantir atención persoal a todo usuario que o precise en horarios legalmente establecidos (cun mínimo legal diario de 6 horas de caixa aberta nos días labora bles), non só a persoas con poucas habilidades dixitais, senon tamén ás persoas de zonas con dificultade de acceso a internet. E impedindo a imposición de cuantías mínimas superiores os 100 euros nas cantidades a retirar por caixa.

3. Instar á Xunta de Galiza a rectificar a súa política de subvencións de caixeiros por contribuír ao efecto chamada de peche de servizos. Dando unha falsa sensación de mantemento dos servizos, cando en moitos dos casos este modelo ven ser un subbstituto das propias oficinas bancarias preexistentes neses Concellos.

4. Demandar do goberno central a modificación da regulación do sector financeiro para garantir por parte da gran banca unha rede mínima de oficinas e caixeiros e unha atención presencial mínima para as persoas consumidoras.

5. Demandar a modificación da lei de servizos de pagos para establecer unha tarifa básica que permita nos concellos onde só hai caixeiro dunha única entidade que se poidan realizar un certo número de operacións a un prezo básico.

6. Instar ao Parlamento de Galiza a promover unha lei de reforma do sistema financeiro que evite que os bancos, da noite para a mañá, pechen sucursais en zonas estratéxicas, sexa no rural, sexa nos barrios das cidades, deixando tirados veciños, comerciantes, empresarios e demais usuarios.

7. Solicitar á Xunta de Galicia que reforce o papel do IGAPE e explore fórmulas de xestión, dentro do marco competencial autonómico, que continúen axudando á reactivación dos sectores económicos galegos, especialmente co respaldo para o acceso ao crédito dos sectores produtivos e innovadores, particularmente das pequenas e medianas empresas e autónomos.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorExtinguido un incendio forestal en Calvos de Randín que afectó a 0,2 hectáreas del parque natural Baixa Limia
Artículo siguienteActo de hermanamiento de la Diputación de Ourense con el gobierno provincial ecuatoriano de Tungurahua
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.