O programa inclúe talleres, charlas, conferencias, demostracións e formación para cinco grupos de poboación: infantil, mocidade, padres e educadores, sénior e profesionais
“Un modo de que a cidadanía poida identificar claramente aquelas propostas que están enfocadas ás súas particulares necesidades”, afirma o coordinador do evento, Fernando Suárez, que tamén destaca o deseño do programa baixo a premisa de que sexa “moi participativo”
A deslocalización das actividades é unha das características diferenciadoras da Mobile Week Ourense. San Xoán de Río acolleu un taller para maiores no que se explicaron conceptos básicos da internet e o uso de aplicacións para mensaxes instantáneos
Concellos ou asociacións que teñan interese aínda poden solicitar actividades no enderezo electrónico mobileweekourense@depourense.es
Ourense, 11 de setembro de 2022.- A segunda edición da Mobile Week Ourense, que se celebrará do 15 ao 18 de setembro, ofrece máis de 70 actividades nun amplo programa que inclúe talleres, charlas, conferencias, demostracións e formación para achegar a tecnoloxía, dun xeito accesible e amigable, a cinco tipos de públicos: infantil, mocidade, padres e educadores, sénior e profesionais. Un modo de que a cidadanía “poida identificar claramente aquelas propostas que están enfocadas ás súas particulares necesidades”, afirma o coordinador da Mobile Week Ourense, Fernando Suárez, que tamén destaca o deseño do programa baixo a premisa de que sexa “moi participativo”.
Para alcanzar un dos principais obxectivos desta iniciativa –loitar contra a fenda dixital achegando a tecnoloxía á cidadanía- a organización do evento apostou por agrupar as actividades en torno a perfís e segmentos de idade concretos. Pero, ademais, apunta Fernando Suárez, “procuramos encaixar estas accións de tal modo que cando o público infantil e xuvenil se interese por unha determinada tecnoloxía, os país e os educadores tamén teñan acceso a eses avances para poder guiar e asesorar a fillos e alumnos”.
Nesta liña, no programa de actividades (mweek.com/ourense-2022/) pódese comprobar como se mesturan as propostas, caso da aprendizaxe por gamificación (uso de xogos) e a realidade aumentada, ou o chamado VolunTIC, voluntariado tecnolóxico no rural. Pais e educadores tamén terán a oportunidade de profundar no impacto da tecnoloxía na adolescencia, cos riscos e oportunidades que implica, ou como educar contra as “fake news”.
Para os maiores, a programación foi deseñada pensando “nun punto de vista moi práctico e naqueles ámbitos que lle son máis interesantes”, sinala Fernando Suárez, citando cuestións como a seguridade nos móbiles, pautas de vida saudables, a tecnoloxía como medio para conseguir unha sociedade máis inclusiva, a teleasistencia ou a tramitación electrónica co DNI.
Nesa conexión entre actividades para diferente público tamén están incluídos os profesionais, que terán acceso a algunhas das propostas xa citadas, aínda que a organización ofrécelles a posibilidade de abordar outros contidos como a comunicación máis accesible no rural; a obtención de fondos europeos; o marketplace europeo; ou a intelixencia artificial no turismo.
Capacidade para organizar máis iniciativas
A Mobile Week Ourense, que nace baixo a alianza da Deputación e Mobile World Capital Barcelona, ten ademais outra característica diferenciadora: a deslocalización. A dixitalización e unha importante ferramenta para loitar contra a despoboación no rural “e dado que o obxectivo é achegar a tecnoloxía á veciñanza apostamos por organizar actividades por todo o territorio”, destaca o coordinador da Mobile. “E aínda temos capacidade para seguir organizando novas iniciativas, máis aló desas 70 iniciais programadas”, aclara Suárez, que recorda a todos os interesados a posibilidade de solicitar a celebración de actividades en concellos ou asociacións a través do enderezo electrónico mobileweekourense@depourense.es
Taller para maiores en San Xoán de Río
Neste ámbito da deslocalización e logo de que os escolares de Infantil e Primaria do Irixo gozaran dun contacontos sobre ciberseguridade, os seguintes protagonistas do programa previo á Mobile foron os maiores de San Xoán de Río, concello onde se celebrou un taller no que se explicaron conceptos básicos da internet e o uso de aplicacións para mensaxes instantáneos. Coa asistencia de máis dunha ducia de veciñas e veciños e ao longo de dúas horas, no taller falouse da transformación dixital da sociedade e de termos comúns na internet como a “nube”.
Os presentes, que tamén aprenderon a instalar aplicacións desde a “tenda”, dedicaron boa parte desta actividade a profundar no uso da ferramenta WhatsApp, practicando o envío de mensaxes, fotos, audios, contactos (mediante o escaneo dun código QR ou adxuntos nunha conversa), ou as chamadas e as videochamadas. Tamén se incidiu no envío ou compartición da ubicación, un aspecto de gran importancia cando se está a camiñar fóra de lugares habitados ou para casos de emerxencia, pois permite coñecer en tempo real onde se atopa unha persoa.
¡FLiRT, la nueva variante de COVID-19, que está arrasando en Estados Unidos y que puede…
Madrid se ha convertido en el epicentro de la creciente tendencia de las smash burgers,…
Sagardoy Abogados anunció este lunes la incorporación como socio de Gonzalo Mairata Corominas (Madrid, 1978),…
Para hoy por la mañana en Ourense habrá más nubes que claros. A medida que…
El valor medio de un club que disputa LALIGA EA SPORTS asciende, según datos del…
Según una investigación, China podría estar utilizando empresas tecnológicas para recolectar datos de usuarios en…
Esta web usa cookies.