Inicio Destacado O escritor e editor Francisco Castro gaña o XIX Premio de literatura...

O escritor e editor Francisco Castro gaña o XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez coa obra Xoán, Xoana

O xurado do certame, na modalidade de narración, destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, ademais de sinalar “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”

A partir de hoxe e ata o 30 de setembro queda aberto o prazo para a presentación de orixinais na modalidade de ilustración

Ourense, 27 de xullo de 2022.- O escritor e editor Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) é o gañador do XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, pola súa obra Xoán, Xoana, presentada a este certame baixo o pseudónimo de Paul Breson. O xurado do galardón, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, sinalando ademais “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”.

Leer más:   Allariz impulsa su comercio local con la campaña navideña 'O Peto dos Desexos'

No seu fallo, o xurado tivo en conta “o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo”, así como o feito de que “a obra potencia dende o principio o interese por coñecer o final e por saber que vai pasar”. No relativo á temática, o autor “dá visibilidade aos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo, e dá voz á diversidade”, sinala o xurado. Xoán, Xoana aborda unha cuestión que, nestes contextos, “produce as veces situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo”, ademais de reflectir un problema “que se presenta, tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia”.

Para o xurado, o texto gañador achega valores interesantes “coma a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade”. Unha historia que provoca que o lector “empatice cos que son diferentes e nos pon a todos ante o espello”.

O xurado estivo presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, actuando como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio e Isabel Mociño, cada un deles en representación dos grupos políticos presentes na corporación provincial (PP, PSOE, DO e BNG). A xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre, exerceu como secretaria.

Leer más:   137 padeeiros participan este domingo en Barra de Miño na quinta regata da Copa Deputación de Piragüismo

Unha longa traxectoria de premios

Francisco Castro estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, é cronista cultural en varios medios galegos e na actualidade dirixe a Editorial Galaxia. Na súa traxectoria como escritor xa foi distinguido con diversos galardóns, como o Premio Frei Martín Sarmiento por Un bosque cheo de faias (2004). En 2006 recibiu o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam. Un ano despois gañou o Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa.  Tamén en 2007 foi distinguido co Frei Martín Sarmiento ao mellor libro do ano por O ceo dos afogados.

En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García “Borobó”, e tamén nese ano publicou a novela Chamádeme Simbad (Lista de Honra de IBBY 2012) e Premio Frei Martín Sarmiento 2011.

Leer más:   A estación de montaña de Manzaneda acollerá o inicio e remate da tirada raíña da Volta Ciclista a Galicia

A finais do ano 2010 foi nomeado presidente de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), cargo que desenvolveu ata finais de 2015.  En 2020 Iridium foi incluída no Catálogo do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais.

Aberto o prazo para a modalidade de ilustración

Convocado pola Deputación de Ourense, o Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez está dotado 1.500 euros. Unha vez fallada a modalidade de narración, a partir de hoxe mesmo queda aberto o prazo para a presentación de orixinais na modalidade de ilustración, que co mesmo premio ten por obxectivo complementar con imaxes a narración.

Todos os interesados en participar nesta modalidade terán de prazo ata o día 30 de setembro para presentar as súas propostas gráficas. Co fin de axustarse á obra gañadora poderán solicitar o texto no enderezo electrónico publicacións@depourense.es.

 


- Te recomendamos -
Artículo anteriorRibadavia e Boborás acollen a 500 mozos na etapa ourensá da Peregrinaxe Europea da Xuventude polo Camiño Miñoto-Ribeiro
Artículo siguienteA Deputación colabora coa celebración da XVI edición da Fiesta Mexicana de Avión
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.