Inicio Destacado A Deputación colabora coa Arnoia Sup Challenge, que reúne este domingo a...

A Deputación colabora coa Arnoia Sup Challenge, que reúne este domingo a referentes mundiais do paddle surf

A primeira edición desta proba contará coa participación de campións do mundo como o húngaro Bruno Hasulvo ou a española Esperanza Barreiras

A proba está aberta a todos os interesados neste deporte a través de catro categorías: categoría élite -doce quilómetros-, amateur -seis quilómetros-, popular -catro quilómetros- e talents -dous quilómetros-

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, celebra a organización dunha competición “que consolida a Arnoia coma referente dos deportes acuáticos e que encaixa na traballo da Deputación por blindar o ecosistema deportivo da provincia

Ourense, 29 de xullo de 2022.- A Deputación de Ourense colabora co Concello de Arnoia na organización da primeira edición da Arnoia Sup Challenge, que se celebra este domingo, día 31 de xullo, coa participación de varios referentes mundiais do paddle surf, como os campións do mundo Bruno Hasulvo e Esperanza Barreiras, e que está aberto a todos os interesados neste deporte.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, o organizador desta proba, Serafín Martínez, e con Guillermo Goyanes, tamén membro da organización e un dos mellores “riders” españois.

Manuel Baltar celebrou a organización desta proba, “que consolida a Arnoia coma un referente dos deportes acuáticos e que encaixa na traballo da Deputación por blindar o ecosistema deportivo da provincia e avanzar na nosa aposta polo turismo deportivo”.

Pola súa banda, Rodrigo Aparicio felicitouse pola “capacidade de atracción de Arnoia para reunir a auténticos referentes mundiais do paddle surf” e recoñece o esforzo da Deputación para apoiar estas iniciativas: “Sen a colaboración do goberno provincial, o concello dos concellos, sería imposible levar a cabo estes proxectos”.

Participación de luxo

A Arnoia Sup Challenge conta cunha participación marcada pola presenza en competición do húngaro Bruno Hasulvo, campión do mundo en 2017 e subcampión en 2018 e 2019, e a española Esperanza Barreiras, campiona mundial en 2019. Entre os deportistas máis destacados que estarán este fin de semana en Arnoia tamén sobresaen Fernando Pérez, campión de España, ou Manuel Hoyela.

A competición conta con catro categorías, cadansúa co seu percorrido: categoría élite -doce quilómetros e cunha dotación económica de 3.000 euros a repartir entre os tres primeiros clasificados-, amateur -seis quilómetros-, popular -catro quilómetros- e talents -dous quilómetros-.

A programación da Arnoia Sup Challenge combínase cunha programación paralela protagonizada polo Arnoia Summer Fest e a degustación da gastronomía local. Dende o Concello e a organización convidan á asistencia a “todos os amantes deste deporte non só a participar, senón tamén a formar parte deste espectáculo de táboas, competición e moita, moita diversión.

Toda a información da proba en www.arnoiasupchallenge.es

 


- Te recomendamos -