Inicio Destacado Levaremos ao pleno municipal de Ourense unha moción contra a trata, a...

Levaremos ao pleno municipal de Ourense unha moción contra a trata, a prostitución e a explotación sexual

O PSDEG-PSOE PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA QUE A XUNTA E O CONCELLO DE OURENSE IMPULSEN POLÍTICAS PARA A “ABSOLUTA ERRADICACIÓN” DA TRATA, A PROSTITUCIÓN E A EXPLOTACIÓN SEXUAL

Instan ao Concello a apoiar a tramitación da reforma do Código Penal para prohibir o proxenetismo en todas as súas formas e a promover campañas orientadas á sensibilización sobre a explotación sexual

A concelleira Concha García puxo de manifesto que “para as e os socialistas, a liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución e a trata de seres humanos”

Ourense, 3 de outubro de 2022. Co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata o pasado 23 de setembro, o PSdeG-PSOE de Ourense vén de anunciar que levará ao pleno municipal deste venres unha iniciativa encamiñada a promover a posta en marcha de políticas públicas por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Ourense orientadas á “absoluta erradicación” da trata, unha lacra que afecta especialmente ás mulleres e nenas, que representan o 71 % das vítimas en todo o mundo, segundo os datos de Nacións Unidas.

Leer más:   A Deputación explora en Melgaço a cooperación transfronteiriza na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés

“Para as e os socialistas, a liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución e a trata de seres humanos”, puxo de manifesto a concelleira Concha García fronte á sede do Centro de Información á Muller (CIM).

Natalia González, Concha García e Rafa Villarino fronte ao CIM.

“A trata de mulleres e menores con fins de explotación sexual é unha das formas máis miserables nas que se manifesta a violencia contra as mulleres e un dos máis terribles negocios en todo o mundo, posto que supón unha vulneración dos Dereitos Humanos que vai ligada á violencia, á marxinación e á dificultade económica, así coma á cultura sexista e patriarcal na que vivimos inmersas”, abundou.

No texto da iniciativa promovida polo PSdeG-PSOE a nivel autonómico, faise fincapé en que España é o país europeo con maior demanda de prostitución, e o terceiro a nivel mundial, pois o 39 % dos homes españois pagaron nalgunha ocasión por manter relacións sexuais, segundo datos de Nacións Unidas.

Leer más:   El juicio por la muerte de Nerea Añel ha finalizado: los forenses indican que podría haber sobrevivido con atención médica

“A trata con fins de explotación sexual non pode desligarse da prostitución: son dúas caras da mesma moeda, xa que a trata de mulleres e nenas existe porque hai homes dispostos a prostituílas”, condenou García.

Así as cousas, dende o grupo socialista instan ao Concello a apoiar a tramitación da Proposición de Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código Penal, para prohibir o proxenetismo en todas as súas formas. “O proxeneta é a persoa que se lucra da prostitución doutra persoa, polo que o primeiro paso para erradicar a prostitución é perseguir o proxeneta”, subliñou García.

Ademais, a través desta moción, as e os socialistas solicitan impulsar, no ámbito das competencias municipais, políticas públicas orientadas á loita contra a explotación sexual e a abolición da prostitución, así como promover campañas de sensibilización sobre as consecuencias da explotación sexual e dos comportamentos individuais.

Leer más:   El presidente de la Diputación mantuvo reuniones con tres delegaciones sudamericanas para "avanzar en el impulso global al termalismo como eje de desarrollo"

Plan galego e estudo sobre prostitución en Galicia

Por outra banda, esíxenlle á Xunta que poña en marcha o ‘I Plan galego contra a trata de seres humanos’, que ten vixencia 2022-2024, e sobre o cal denuncian non teren constancia nin da súa execución nin do seu contido, “tamén aplicable á administración local, polo que debemos ter acceso ao mesmo para esixir que o Concello de Ourense cumpra coa súa parte”.

Por último, instaron á Xunta á realización dun estudo sobre prostitución en Galicia, posto que “o último que existe data do ano 2013 e cómpre actualizalo para poder incrementar a efectividade das medidas do Plan galego”.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorA Deputación concede 397.000 euros en axudas para actividades de asociacións culturais, veciñais e deportivas
Artículo siguienteOs socialistas de Viana interésanse na Deputación polo arranxo da estrada de Santo Agostiño
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.