Inicio Destacado A Deputación reforza o ecosistema provincial de turismo e deporte co apoio...

A Deputación reforza o ecosistema provincial de turismo e deporte co apoio á VI edición do Trail Ribeira Sacra

Manuel Baltar destacou na presentación da proba o percorrido dunha competición que atravesa “unha das paraxes máis importantes e de maior dimensión e visibilidade do noso territorio”. Ademais da Ribeira Sacra, avanzou, “traballamos para que tamén o Macizo Central e a Serra do Xurés sexan epicentro nacional do trail”

360 deportistas nacionais e internacionais percorrerán o próximo domingo, día 9, un circuíto de 48 quilómetros. A carreira incorpora este ano unha aplicación tecnolóxica con toda a información para os participantes, accións sostibles para conseguir “residuos cero” no medio, e unha gastroexperiencia ao remate da competición

Ourense, 5 de outubro de 2022.- O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación da VI edición do Trail Ribeira Sacra, que o domingo día 9 reunirá a 360 deportistas nacionais e internacionais en Nogueira de Ramuín. Unha proba que conta co apoio da Deputación, que deste modo reforza “o ecosistema provincial de turismo e deporte no que vimos traballando e que converterá á Ribeira Sacra, ao Macizo Central e á Serra do Xurés en epicentro nacional do trail”, afirmou no acto o presidente da Deputación Manuel Baltar.

No “patio termal” do Pazo Provincial e xunto a Manuel Baltar tamén participaron na presentación o subdelegado do Goberno, Emilio González -en representación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación-; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes; e o presidente do club Grupo Cuevas Nogueira Trail, Diego Novelle. Ademais, tamén estiveron representantes das empresas colaboradoras cunha proba que suma a unha treintena de firmas -Aceites Abril, La Región, Teleoperator Vodafone, Distribuciones G. Álvarez…-.

Manuel Baltar cualificou o Trail Ribeira Saca como “unha proba que vai máis aló do deporte, consolidándose como unha das citas máis importantes do noroeste peninsular”. Destacou tamén que discorre “por unha das paraxes máis importantes e de maior dimensión e visibilidade do noso territorio, partindo ademais da praza de Luíntra ao carón dun aventureiro e emblema da nosa identidade como o afiador”.

Engadiu o presidente do goberno provincial que a proba “é un gran exemplo de colaboración público privada, comezando polo propio concello e seguindo pola Deputación, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, as máis de trinta empresas colaboradoras e o club organizador”.

Emilio González agradeceu aos promotores da proba a súa contribución “para poñer en valor a rede de Camiños Naturais do Ministerio de Agricultura”, no que se inscribe o percorrido do trail pola Ribeira Sacra, engadindo que con iniciativas deste tipo “damos a coñecer estas rutas, o seu patrimonio cultural e riqueza etnográfica, ademais de axudar a protexelas”.

En tanto, Manuel Pérez en nome da Xunta de Galicia describiu este evento como “espectacular, tanto polo lugar da presentación, o traballo da organización, o nivel da proba, as paisaxes pola vai discorrer e a colaboración entre administracións e empresas”.

Corredores de España, Portugal, Italia e Suíza

Tralo agradecemento de Julio Temes aos promotores por esta nova edición do Trail Ribeira Sacra, o presidente do club organizador, Diego Novelle, deu a coñecer os principais datos desta proba de montaña que reunirá a 360 deportistas procedentes de 13 comunidades autónomas, ademais de Portugal, Italia e Suíza.

Ás 08.00 horas deste próximo domingo, os participantes sairán da praza de Luíntra para percorrer un circuíto de 48 quilómetros, cun desnivel de 3.450 metros positivos atravesando lugares como o Castro de Moura, os Miradores da Lampa e Pé do Home. Haberá trofeos para os tres primeiros deportistas, na categoría masculina e feminina, tanto da clasificación xeral como de veteranos, así como tamén un galardón especial ao corredor ou corredora máis lonxevo a ao club con máis finalistas. O trail rematará, tamén na praza de Luíntra, coa gastroexperienciaTRS, da man do recoñecido cociñeiro ourensán Paco Gómez -presente esta mañá na presentación-, que ofrecerá unha degustación de produtos da terra.

Tecnoloxía e accións sostibles

Nesta edición, o Trail Ribeira Sacra aliase coa tecnoloxía poñendo a disposición dos deportistas unha aplicación especializada en carreiras de montaña -Gretel Planner-, que ofrece información técnica con todo detalle do circuíto, permitindo planificar tanto ritmos como necesidades nutricionais. A través doutra plataforma -Saudeter-, familiares e amigos poderán seguir en directo aos corredores. Por outra banda, a organización vén de impulsar accións sostenibles co obxectivo “residuos Cero”, utilizando cintas biocompostables e eliminando o uso de vasos de plástico nos avituallamentos.


- Te recomendamos -