Inicio Destacado O PP esixe partidas “serias e realistas” nos orzamentos xerais do Estado...

O PP esixe partidas “serias e realistas” nos orzamentos xerais do Estado de 2023 para avanzar na execución da A-76

• O senador ourensán Miguel Ángel Viso reclama tamén recursos para mellorar as condicións de seguridade e conservación da N-120, hoxe a única alternativa de comunicación entre as comarcas de Lemos, Valdeorras e Ourense

• Critica “a desidia, falta de vontade política e nula dilixencia administrativa do Goberno de Sánchez cunha infraestrutura estratéxica para vertebrar Ourense e a Galicia interior”

6, outubro, 2022.

O Partido Popular esixe a inclusión de partidas “realistas e serias” nos orzamentos xerais do Estado de 2023 para avanzar na execución da autovía A-76 (Ponferrada-Ourense), “unha vía que permitiría corrixir o desequilibrio territorial que sofre Valdeorras, cun gran peso na economía galega como líder mundial no sector da lousa e unha produción vitivinícola de primeiro nivel”.

Así o demandou o senador ourensán Miguel Ángel Viso durante a súa intervención esta mañá na Comisión de Transportes da Cámara Alta, onde tamén pediu a consignación económica necesaria para mellorar as condicións de seguridade e conservación da N-120, hoxe a única alternativa de comunicación entre as comarcas de Lemos, Valdeorras e Ourense.

Miguel Ángel Viso, que tamén falou en nome dos senadores populares de Lugo e León como provincias directamente afectadas pola paralización da autovía, denunciou “a desidia, falta de vontade política e nula dilixencia administrativa do Goberno de Sánchez cunha infraestrutura estratéxica para a vertebración da provincia de Ourense e da Galicia interior”. O senador criticou que o único compromiso do grupo socialista “con esta demanda veciñal e empresarial” fose presentar unha moción na que se insta ao Goberno “a proseguir con traballos de redacción, cando saben que nin se está seguindo, nin continuando nada”.

Para Miguel Ángel Viso, as dilacións nos trámites da A-76 son “unha norma xeral”, cando se trata dunha autovía concibida para enlazar Ourense e Ponferrada, que reduciría a menos dunha hora o tempo de viaxe entre Ourense e O Barco e permitiría aos valdeorreses conectarse coa A-52 e o resto da península con máis facilidade, “pero este goberno confórmase cunha N-120 chea de deficiencias e cun tramo de 25 quilómetros entre o alto da Guítara e Ourense se posibilidade de adiantamento”.

Así, destacou o senador ourensán, “a A-76, alternativa á N-120, está paralizada deliberadamente polo Goberno entre O Barco e Ponferrada; o enlace coa N-120 previsto na Rúa está totalmente abandonado; o enlace coa N-120 de Vilamartín en redacción de proxecto e adiado; e o firme da estrada nacional con fochancas e pésima conservación en boa parte do trazado”.

SEIS EMENDAS PARA DOTAR DE RECURSOS O PROXECTO DA A-76 E A MELLORA DA N-120.

Fronte a esta situación, o grupo parlamentario do PP presentou seis emendas nas que se propoñen incluir nos orzamentos xerais do Estado de 2023 partidas suficientes para licitar os tramos da autovía A-76 entre O Barco de Valdeorras e A Veiga de Cascallá e entre Villamartín de la Abadía e Requejo, que só tiñan consignados neste exercicio 100.000 euros para cada proxecto.

Pide o PP axilizar os trámites administrativos do tramo Requejo-A Veiga de Cascalla e da circunvalación de Monforte de Lemos; a aprobación antes de que remate este ano do proxecto de trazado dos carrís de adiantamento na N-120; a consignación, tamén nos orzamentos de 2023, dunha partida para licitar o proxecto de construción de enlace completo na Rúa;  someter sen máis dilación a información pública o proxecto de construción do enlace e reordenación de accesos da N-120 en Vilamartín;  así como tamén dotar con recursos suficientes os traballos periódicos de mellora da explotación e seguridade viaria na N-120 a su paso por las provincias de Ourense, Lugo e León.  


- Te recomendamos -