Inicio Destacado Aprobado por unanimidade o plan de medidas antifraude da Deputación para a...

Aprobado por unanimidade o plan de medidas antifraude da Deputación para a xestión e execución dos fondos Next Generation

O documento establece os principios e normas que se aplicarán para o control dos recursos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

A corporación aprobou tres propostas relacionadas co reparto do canon da auga entre os concellos, a prolongación da autovía AG-31 ata a fronteira con Portugal e a descentralización de organismos e entidades públicas

Nunha declaración institucional, o plenario expresou o seu apoio ao pobo ucraíno fronte a agresión de Rusia. “Como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave os ditos cimentos humanos”

Ourense, 25 de marzo de 2022.- O pleno da Deputación de Ourense, reunido hoxe en sesión ordinaria correspondente ao mes de marzo baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou por unanimidade o plan de medidas antifraude da institución e dos seus organismos dependentes e adscritos para a xestión e execución dos fondos Next Generation. Un trámite establecido pola Unión Europa para que as administracións públicas adopten procedementos de control no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Mediante este plan establécense os principios e as normas que se aplicarán en materia antifraude, anticorrupción e co fin de evitar os conflitos de intereses, en relación cos fondos provenientes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O seu contido xa reflicte medidas adoptadas con anterioridade polo goberno provincial, como o control financeiro desde a área de Intervención e a observación de ausencia de conflito de intereses desde o departamento de Contratación. A aprobación deste plan supón un punto de inflexión como modelo de referencia a adoptar de forma estable na xestión dos restantes recursos públicos asignados á Deputación.

Leer más:   Manuel Baltar: “Os participantes no Congreso Internacional de Turismo Termal saberán que Ourense ten respostas aos retos do termalismo”

No capítulo propositivo a corporación aprobou tres iniciativas referidas o canon da auga, infraestruturas e descentralización administrativa. Na primeira pediuse á Xunta de Galicia que o canon que se recada a través do recibo municipal de abastecemento e saneamento repercuta en obras hidráulicas, naqueles concellos que cumpren as normas fixadas pola administración autonómica. Tamén se pide á Confederación Hidrográfica Miño Sil e á Confederación Hidrográfica do Douro que planifiquen investimentos nos concellos das súas demarcacións, con independencia da súa cor política, que redunden en beneficios medioambientais para os habitantes.

Tamén se acordou instar á Xunta de Galicia a que retome a prolongación da autovía AG-31 desde Celanova ata a fronteira con Portugal, reclamando do goberno do Estado fondos Next Generation para esta obra e que no proxecto se garanta a inclusión das variantes de Verea e Bande e unha conexión entre a actual estrada autonómica OU-540 e Xinzo de Limia.

Por outra banda pediuse aos gobernos de Galicia e de España que acometan e afonden en políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía, instalando en Ourense a sede de organismos ou entidades públicas.

A corporación tamén aprobou por unanimidade unha declaración institucional de apoio ao pobo ucraíno e impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na que se expresa a firme censura contra a agresión de Rusia a Ucraína, subliñando que “como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave os ditos cimentos humanos”. No manifesto reflíctese o apoio “o labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagardar a independencia de cada país e poñémonos á súa disposición para axudar, dentro das nosas posibilidades, naquelas medidas que procuren a protección e benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida”.

Leer más:   O vicepresidente Rosendo Fernández asistiu á cerimonia de entrega das Medallas Castelao 2022

A totalidade dos acordos adoptados foron os seguintes:

Ucraína

Declaración institucional do pleno de apoio das entidades galegas ao pobo ucraíno.

Control da xestión e execución de fondos Next Generation

Aprobar o Plan de medidas antifraude da Deputación de Ourense e dos seus organismos dependentes e/ou adscritos para a xestión e execución dos fondos Next Generation EU.

Canon da auga

1. Instar á Xunta de Galicia a que o canon que recadan os concellos á veciñanza, a través do recibo municipal de abastecemento e saneamento da auga, repercuta en obras hidráulicas nos concellos que cumpren as normas fixadas pola propia administración autonómica.

2. Instar á Confederación Hidrográfica Miño Sil e á Confederación Hidrográfica do Douro que planifiquen inversión en todos os concellos das súas demarcacións, independentemente da súa cor política, que redunden en beneficios medioambientais para todos os veciños da provincia.

Vertebración transfronteriza no sur da provincia

1. Instar ao goberno da Xunta de Galicia a retomar a ampliación da AG-31 para completar o tramo de Celanova ata a fronteira portuguesa na Madalena (Lobios).

Leer más:   Rosendo Fernández referenda na presentación de Termatalia o compromiso da Deputación con Ourense "como destino termal sostible"

2. Demandar da Xunta o compromiso de que o dito proxecto garanta a inclusión de variantes de entrada e saída da autovía nas localidades de Verea e Bande, para que a autovía non atravese ningún núcleo de poboación destes concellos, pois faría que xa non fose unha verdadeira autovía, e causaría graves consecuencias na veciñanza.

3. Instar á Xunta de Galicia á realización dunha infraestrutura viaria que facilite a conexión entre a OU-540 e Xinzo de Limia.

4. Demandar que a análise de impacto ambiental teña en conta a reposición de camiños e vías pecuarias, co fin de identificar e valorar as súas consecuencias medioambientais no contorno.

5. Instar ao goberno do Estado a dispoñibilizar fondos europeos “Next Generation” para as obras desta infraestrutura.

Descentralización administrativa

1. Instar ao goberno da Xunta a que acometa políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía, instalando en Ourense a sede de órganos da administración galega ou das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

2. Instar ao Goberno de España a afondar nas políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorCenlle reúne este sábado a 400 deportistas no campionato galego de inverno de piragüismo de barcos de equipo
Artículo siguienteA Deputación asiste á estrea comercial de “Malencolía”, filme patrocinado pola institución provincial
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.