Inicio Destacado A Deputación aproba unha modificación de créditos de 18,2 millóns para financiar...

A Deputación aproba unha modificación de créditos de 18,2 millóns para financiar proxectos municipais, cooperar coa Xunta e axudar a entidades económicas e sociais

Pleno abril 2022 1

Do total do expediente, máis do 45 % (8,3 millóns) está destinado a 78 concellos da provincia para financiar investimentos en infraestruturas, equipamentos, servizos sociais, eficiencia enerxética, patrimonio ou medio ambiente

O documento inclúe 1,1 millóns para apoiar ao sector agrícola, empresas, comercio e asociacións sociais, veciñais e culturais; 300.000 euros para fomento do deporte; 900.000 para o patrocinio de producións audiovisuais; 1,2 millóns para a modernización do Club Náutico de Castrelo de Miño; e 500.000 euros para o Inorde

No tocante á colaboración institucional consígnanse dúas partidas de 600.000 euros para senllos convenios coa Xunta: a adquisición de maquinaria para prevención e loita contra incendios forestais, e os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) no período 2022-2024. Haberá outros 500.000 euros para o Parque Acuático de Monterrei

O pleno aprobou outro expediente de modificación de crédito, correspondente ao Inorde, por un importe superior aos 190.000 euros para promoción turística; asistencia a feiras e salóns especializados; iniciativas empresariais; e investimentos no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro

A corporación aprobou ademais unha proposición relativa á adopción dun amplo paquete de medidas para paliar o impacto da suba da inflación.

Ourense, 29 de abril de 2022.- O pleno da Deputación de Ourense, reunido hoxe na sesión ordinaria de abril baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou un expediente de modificación de créditos por valor de 18,2 millóns de euros, dos que 13,5 millóns corresponden a suplementos de crédito e os 4,7 millóns restantes a créditos extraordinarios. Do total do expediente, máis do 45 % (8,3 millóns) estará destinado a 78 concellos da provincia tanto para financiar gastos correntes como para investimentos. Con cargo ao remanente de tesourería do pasado exercicio, o documento tamén inclúe achegas para colaborar con proxectos doutras administracións, ademais de subvencións para asociacións e colectivos dos ámbitos económico, social, educativo, cultural e deportivo.

No capítulo de cooperación cos concellos, os investimentos alcanzan os 7,4 millóns e permitirán executar proxectos de mellora urbanística; acondicionamento de infraestruturas viarias ou de saneamento e abastecemento; promover a eficiencia enerxética; realizar actuacións no patrimonio arquitectónico, histórico e cultural; traballos relacionados co coidado e conservación do medioambiente; dotación de espazos públicos; intervencións en equipamentos deportivos, lúdicos e culturais; ou iniciativas relacionadas cos servizos sociais. Neste mesmo apartado de entidades locais tamén se consignan 283.000 euros para cinco mancomunidades de concellos: Monterrei, Carballiño, Ourense, Ribeiro e nesta mesma comarca para a mancomunidade turística do Ribeiro.

O expediente recolle achegas referidas a outros ámbitos, como os máis de 1,1 millóns de euros para apoiar ao sector agrícola, ás empresas, comercio e asociacións sociais, veciñais e culturais. Cómpre citar tamén os 300.000 euros para fomento do deporte, as axudas a Expourense (62.000 euros) e á Universidade de Vigo (89.000).

Leer más:   Vázquez Taín presenta no OUFF o documental "Peregrinas", rodada en Ourense

Iniciativas da Deputación e colaboración institucional

A modificación de créditos tamén permite facer fronte a outras accións que o Goberno provincial desenvolve a iniciativa propia ou en colaboración con outras administracións. Polo que respecta ás iniciativas da Deputación destacan os 900.000 euros para o patrocinio de producións audiovisuais que teñan as súas localizacións únicas ou principais en escenarios da provincia; ou os 1,2 millóns para a reforma e ampliación do Club Náutico de Castrelo de Miño, que dotará a este complexo dunhas novas e modernas instalacións.

O Inorde recibirá máis de 500.000 euros para profundar en cinco áreas de traballo: O turismo e o termalismo, coa organización do Congreso Internacional de Turismo Termal, amparado pola Organización Mundial do Turismo; accións no sector primario para crear na estación de Paderne de Allariz unha planta de procesado de produtos agroalimentarios; axudas de ata o 50 % para campañas locais de comercio de proximidade; e o Portal do Inversor reunindo nunha plataforma toda a información de interese para captar investimentos.

No tocante á colaboración institucional, o documento aprobado hoxe inclúe unha achega de 600.000 euros no marco do convenio asinado coa Consellería de Medio Rural para a adquisición de 12 tractores destinados a traballos de prevención e loita contra os incendios forestais, maquinaria da que se beneficiarán os concellos da Merca, Melón, A Peroxa, Castro Caldelas, Taboadela, Gomesende, Entrimo, O Bolo, Pereiro de Aguiar, Vilar de Barrio, Baños de Molgas e Nogueira de Ramuín. Tamén se reservan outros 600.000 euros para o novo convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) no período 2022-2024; 500.000 euros para a construción do Parque Acuático de Monterrei, tamén en colaboración coa Xunta; e 1,5 millóns nun préstamo participativo a Meisa.

Impulso a cinco áreas de traballo no Inorde

O pleno da corporación provincial, que hoxe abriu de novo as portas ao público tralo fin das restriccións pola pandemia, aprobou un segundo expediente de modificación de crédito, desta volta correspondente ao Inorde por un importe superior aos 190.000 euros, dos que máis de 130.000 euros corresponden a suplementos de crédito e o resto a créditos extraordinarios. A modificación, con cargo ao remanente de tesourería do Inorde, inclúe 50.000 euros para accións de promoción turística; 30.000 euros para asistencia a feiras e salóns especializados; unha subvención de 48.000 euros ao Concello de Arnoia para redactar un plan parcial no polígono empresarial; e 8.000 euros máis para investimentos en equipamento do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, que tamén poderá dispoñer dun novo vehículo grazas a outra partida de 35.000 euros. En materia de turismo o expediente tamén recolle máis de 11.000 euros para o xeodestino Trevinca-Valdeorras e 13.000 máis para o de Celanova-Terra do Xurés, para actividades de promoción nos concellos que integran estas áreas.

Leer más:   César Fernández asistiu á inauguración da MIT de Ribadavia

Medidas contra a inflación

Xunto con senllas modificacións da relación de postos de traballo, correspondentes a persoal eventual e ao gabinete de asesoría xurídica, o pleno aprobou unha moción relativa á adopción de medidas para paliar o impacto da suba da inflación. Entre as accións propostas figura demandar do goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas; medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva; a prohibición dos cortes das subministracións básicas por causas económicas e sociais; a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, hixiene persoal e feminina ou o transporte público; e o incremento das pensións e dos salarios máis baixos ate o 60 % do soldo medio actual.

Solicítase ademais tanto ao Estado como á Xunta a redución temporal das peaxes e dos impostos sobre hidrocarburos; a protección do sector agro-gandeiro evitando a venda a perdas; unha revisión impositiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables; a compatibilidade e complementariedade da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV) axilizando a súa tramitación; a intervención pública no mercado da vivenda; aumento das bolsas para o estudantado máis afectado; e solicitar á Xunta que non reduza as partidas de igualdade, entre outras cuestións.

A totalidade dos acordos adoptados no pleno ordinario de abril foron os seguintes:

Asesoría xurídica

Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación de Ourense, correspondente ao Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios.

Persoal eventual

Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación de Ouremse, relativa ao persoal eventual.

Modificación de créditos do Inorde

Autorización de suplemento de crédito, concesión de créditos extraordinarios e modificación das bases de execución do orzamento do Inorde do 2022

Modificación de créditos da Deputación

Expediente de modificación de créditos do orzamento da Deputación de Ourense para o ano 2022: suplementos de crédito, créditos extraordinarios e modificación das bases de execución do orzamento.

Medidas contra a inflación

Moción relativa ás actuacións que deben impulsar os gobernos galego e centra para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galegas.

Acordos:

1. Demandar do goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega (a excepción galega de igual xeito que hai a Ibérica, e que existen xa tarifas específicas en Euskadi), medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva a través dunha tarifa estable que garanta prezos máximos a medio prazo e a prohibición os cortes das subministracións básicas de forma permanente (sempre que sexa por causas económicas e con control dos servizos sociais).

Leer más:   A Deputación contribúe á dinamización sociocultural e á mellora de infraestruturas en Riós

2. Demandar do goberno central a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas.

3. Demandar do goberno central o incremento das pensións e dos salarios máis baixos ate o 60 % do soldo medio actual.

4. Demandar do goberno central e da Xunta de Galicia a redución temporal das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e doutros custos que afectan ao transporte así como a rebaixa dos prezos dos títulos de transporte público, tanto ferroviario como por estrada.

5. Demandar do goberno central e da Xunta de Galicia a protección do sector agrogandeiro e marítimo-pesqueiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustibles.

6. Demandar do goberno central e da Xunta de Galicia a revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se redistribúa a riqueza.

7. Demandar do goberno central a actualización do Ingreso Mínimo Vital e da Xunta de Galicia a reforma da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia para garantir a compatibilidade e complementariedade da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV) así como axilizar e facilitar a súa tramitación.

8. Demandar do goberno central a intervención pública no mercado da vivenda para facilitar o acceso da xente nova e as rendas máis baixas poñendo a disposición da Xunta as 2.735 vivendas da SAREB para se empreguen como vivendas sociais.

9. Demandar do goberno central a revisión á alza das bolsas e convocatorias extraordinarias para protexer o estudantado máis afectado.

10. Demandar da Xunta de Galicia o compromiso de non reducir as partidas de igualdade dos seus orzamentos, incrementar a contía das axudas de violencia machista conforme o IPC e aprobar sen máis dilación o Plan de Choque contra a pobreza en familias monoparentais cun orzamento e calendario específico de desenvolvemento.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorEl Gobierno invertirá 3,8 millones de euros en una “moderna” base de defensa contra incendios en Laza (Ourense)
Artículo siguienteLa Diputación de Ourense aprueba modificaciones de crédito por 18 millones y la oposición denuncia su “reparto a dedo”
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.