Baltar defende o papel dos gobernos provinciais como “os grandes vertebradores do territorio, que contrarrestan o centralismo e fan fronte aos desafíos do século XXI”

Diferentes momentos da segunda xornada da V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares que se celebrou en Valencia. Abaixo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, conversa co seu homólogo de Alicante, Carlos Mazón. 

O presidente do goberno provincial amosou a súa satisfacción polos resultados da V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares que hoxe rematou en Valencia e na que que se falou de cuestións relevantes como son o reto demográfico e os fondos europeos. Este último asunto centrou unha mesa redonda na que participou Baltar esta mañá

O encontro concluíu cunha declaración conxunta na que se certifica o compromiso absoluto cos concellos para recuperar o pulso económico trala pandemia, reclámase unha revisión do marco competencial e máis financiación para garantir a mellor calidade de vida en calqueira municipio con independencia do seu tamaño

Manuel Baltar explica que este tipo de reunións permiten comprobar como “presidentas e presidentes de todos os signos políticos teñen problemas comúns, estratexias que paga a pena compartir e modelos de xestión que tamén poden ter éxito noutros territorios”

Ourense, 13 de maio de 2022.- Os gobernos locais intermedios “son os grandes vertebradores do territorio, que contrarrestan o centralismo e deben ir á procura de sinerxías para facer fronte aos desafíos do século XXI”, sinala o presidente da Deputación, Manuel Baltar, na súa valoración dos resultados da V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares que hoxe rematou en Valencia. Unha conferencia na que Manuel Baltar interveu esta mañá con motivo da mesa redonda na que abordaron os fondos europeos de recuperación, e na que reivindicou o peso específico das administracións locais como antítese de políticas públicas excesivamente centralistas.

Manuel Baltar expresou a súa “satisfacción absoluta” despois de dúas xornadas de traballo nas que se falou de cuestións relevantes na España e na Europa do século XXI como son o reto demográfico e os fondos europeos, “nun escenario de oportunidades que se abre para os gobernos provinciais, como administración máis próxima aos concellos e estes, a súa vez, á veciñanza”. Un momento no que “o noso papel ofrecendo servizos públicos e cooperando con calquera outra administración revélase como absolutamente proverbial”.

Para Manuel Baltar, este tipo de reunións permiten comprobar como “presidentas e presidentes de todos os signos políticos teñen problemas comúns, estratexias que paga a pena compartir e modelos de xestión que tamén poden ter éxito noutros territorios”. Todo iso sen esquecer “as relacións con outras administracións públicas e a interlocución directa con instancias europeas como Partenalia”, a rede europea de gobernos provinciais que preside o propio Baltar. Insistiu na defensa destas institucións subliñando que son fundamentais “para loitar contra o despoboamento e para prestar os mellores servizos públicos especialmente no rural e nos concellos de menos de 20.000 habitantes, o 89% dos 8.131 municipios existentes en España”.

Declaración final conxunta “froito da unanimidade”

A V Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares concluíu cunha declaración final “froito da unanimidade e onde se sentan as bases da reivindicación e do papel motor destas institucións, na consecución dos ambiciosos retos que a sociedade española ten por diante”.

En sete puntos, o documento destaca en primeiro lugar o compromiso dos gobernos locais intermedios coa reparación dos danos económicos e sociais causados pola pandemia, reclamando de un papel protagonista na xestión dos fondos europeos, ata lograr a plena cogobernanza que proclama o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O comunicado recolle a determinación de afrontar o reto demográfico para lograr unha mellor distribución territorial da poboación e asegurar os servizos públicos e a calidade de vida, así como tamén a súa necesaria participación nas accións deseñadas polo Estado e as comunidades autónomas para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.

Tamén figura a aposta pola transformación dixital, destacando a necesidade de fomentar a capacitación técnica dos empregados públicos, reducir a fenda dixital na cidadanía, garantir a protección dos seus datos persoais e promover un acceso fácil ás administracións públicas.

Maior ámbito competencial

Reivindícase ademais que o lexislador atribúa aos gobernos locais intermedios competencias propias, de maneira que poidan decidir e poñer en práctica políticas autónomas para ser un verdadeiro complemento dos municipios, en especial dos que teñen menores recursos.

A un maior ámbito competencial súmase a revisión do marco de financiamento de todos os gobernos locais, non só dos intermedios, pois o deseño actual non cobre as necesidades para exercer as atribucións. O sistema de financiamento debe permitir unha distribución dos recursos económicos na que se ponderen e equilibren criterios poboacionais e territoriais.

Por último, as deputacións, cabidos e consellos insulares comprométense a compartir tanto coñecementos técnicos para a optimización dos recursos de cada territorio, como estratexias para a súa promoción.

Redacción

Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.

Entradas recientes

Investigadores del Campus de Ourense están a cargo de un proyecto europeo para la conversión de residuos agroforestales

La iniciativa contará con un presupuesto de 1,3 millones y buscará productos para ser empleados…

7 horas hace

La nueva figura en la empresa para retener y atraer talento es el influencer corporativo oculto

Una de las principales preocupaciones y retos de las compañías, de todo tamaño y sector,…

10 horas hace

Marlons vende 150.000 esrek burgers y celebra récord de 50.000 hamburguesas semanales en Madrid

En tan solo dos años desde su inauguración, Marlons ha marcado un hito en la…

11 horas hace

Coxabengoa se adjudica un contrato de electrificación y mantenimiento por 53 millones de euros con Adif

Coxabengoa, a través de su división de transmisión, ha sido adjudicataria del contrato de servicio…

11 horas hace

Sostenibilidad urbana gana terreno en ciudades alrededor del mundo

En la era contemporánea, la sostenibilidad emerge como un pilar fundamental, tanto en el ámbito…

12 horas hace

La Fundación Jiménez Díaz recibe cinco veces menos reclamaciones de pacientes que la media de los hospitales madrileños

El Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz es, según el Monitor del Sistema Hospitalario de la…

12 horas hace

Esta web usa cookies.