Inicio Destacado A Deputación adhírese ao programa VIOPET para a acollida de animais de...

A Deputación adhírese ao programa VIOPET para a acollida de animais de compañía de mulleres vítimas de violencia machista

Pleno maio 2022 2

A iniciativa tamén implica dispoñer dunha reserva de prazas de urxencia na rede provincial de Centros de Acollida de animais abandonados, ademais de promover entre os concellos a adhesión ao proxecto

A corporación concedeu o título de Fillo Adoptivo da Provincia ao comunicador Manuel Villanueva de Castro, recoñecendo a súa “intensa relación” con Ourense e o seu apoio ao coñecemento da provincia

O pleno aprobou por unanimidade dúas proposicións: Solicitar que Ourense sexa a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, e instar á Xunta de Galicia á urxente reactivación das obras de construción do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD)

Ourense, 27 de maio de 2022.- O pleno da Deputación de Ourense, reunido esta mañá en sesión ordinaria correspondente ao mes de maio e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a adhesión da Deputación ao programa VIOPET para promover a acollida temporal de animais de compañía cuxas propietarias son mulleres vítimas de violencia machista. A iniciativa, que parte do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, tamén implica dispoñer dunha reserva de prazas de urxencia na rede provincial de Centros de Acollida de animais abandonados, ademais de promover entre os concellos a adhesión ao programa e organizar actividades que axuden a visibilizar este proxecto.

A Deputación asume a inclusión nos seus plans formativos de accións de concienciación para o persoal público nos sectores relacionados coa atención a vítimas de violencia de xénero, así como tamén o custo da estancia dos animais nos centros de recollida, de urxencias veterinarias e da entrega ou envío da mascota á nova residencia das vítimas, incluso no estranxeiro. Procurarase ademais a colaboración das protectoras de animais que cooperan coa rede provincial para buscar casas de acollida temporal.

Este asunto foi debatido conxuntamente con outros dous puntos da sesión, tamén relacionados coa recollida de animais abandonados nos centros de Xinzo de Limia, O Carballiño, Muíños e A Rúa. O primeiro deles foi unha modificación da ordenanza fiscal do servizo onde se estableceu unha bonificación do 100 % nas taxas de adopción para as asociacións que colaboran coa Deputación: Agallas, no centro de Xinzo de Limia e Arume no Carballiño. O resto de asociacións que non teñan subscrito o convenio marco coa institución provincial terán unha bonificación do 50 %. Estas reducións só se aplicarán cando sexa a propia asociación a que adopte o animal. O segundo dos asuntos relacionados con este servizo refírese a cambios no regulamento para a súa adaptación á linguaxe inclusiva e ás directrices europeas en materia de protección de animais.

Leer más:   Manuel Baltar reúnese coa alcaldesa de Ramirás

Modificación do orzamento e capítulo de honras

Na orde do día tamén figuraba unha modificación do vixente orzamento da Deputación, co fin de incorporar o detalle dos importes e finalidades para as que se destinan 175.000 euros no capítulo de “Promoción e fomento do deporte. Copas Deputación”. Unha cantidade que se distribúe do seguinte xeito: 70.000 euros para a delegación ourensá da Federación Galega de Fútbol Sala, con destino á Copa de Fútbol e Fútbol Sala; 15.000 para a delegación ourensá da Federación Galega de Baloncesto, con destino á Copa Baloncesto; e 90.000 para o concurso das Copas Deputación.

Por outra banda, a corporación, unha vez rematado o expediente de honra, acordou conceder o título de Fillo Adoptivo da Provincia ao comunicador e directivo de televisión Manuel Villanueva de Castro, como homenaxe e recoñecemento “a unha intensa relación, especialmente afectuosa, que está a ser de gran valor para posicionar a Ourense nun nivel de coñecemento imprescindible para o desenvolvemento social e económico desta provincia”.

Descentralización e atención a persoas con discapacidade

No capítulo de proposicións, o pleno aprobou por unanimidade dúas iniciativas relativas á candidatura de Ourense como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, instando á Xunta de Galicia a que reclame este centro para a cidade e ao Goberno de España para que afonde nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, conforme ao estipulado no Real Decreto 209/2022.

Leer más:   O primeiro Hackathon - Laboratorio de Ideas e Innovación conta con medio centenar de participantes

Tamén contou co apoio unánime unha terceira proposta na que se insta á Xunta de Galicia á tramitación, por vía de urxencia, da resolución do actual contrato para a construción do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, así como a concretar os prazos da nova adxudicación, finalización, apertura e entrada en funcionamento do centro.

A totalidade dos acordos aprobados no pleno de hoxe foron os seguintes:

Servizo de recollida de animais abandonados

Aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal do servizo de recollida de animais abandonados

Aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do servizo

Adhesión da Deputación Provincial de Ourense ao programa VIOPET, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Modificación do orzamento de 2022

Expediente 2/2022 de modificación das bases de execución do orzamento da Deputación de Ourense para o exercicio 2022.

Fillo Adoptivo

Outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da provincia de Ourense ao comunicador Manuel Villanueva de Castro.

Intelixencia artificial

– Apoiar a candidatura de Ourense como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.

– Instar ao goberno da Xunta de Galicia a que reclame para Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público estatal, así como a posta de marcha de políticas de descentralización de actividades e infraestruturas da administración autonómica, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía.

– Instar ao Goberno de España a afondar nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía e, nomeadamente, que unha desas sedes sexa a da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022.

Leer más:   ÚLTIMA HORA | Tragedia en la provincia de Ourense: hallan el cadáver de un hombre de 75 años, desaparecido desde octubre

Centro de discapacidade

1. O pleno provincial insta á Xunta de Galiza á tramitación por vía de urxencia da resolución do actual contrato e da nova adxudicación do CAPD de Ourense, así como concretar o prazo para a apertura.

2. O pleno provincial insta á Xunta de Galiza a concretar os prazos de nova adxudicación da construción do CAPD de Ourense, así como o prazo de finalización, apertura e entrada en funcionamento do centro que debera estar rematado xa en marzo de 2022.

3. O pleno provincial insta á Xunta de Galiza a garantir a participación efectiva da plataforma social no proceso de construción do CAPD de Ourense a fin de que o proxecto se execute consonte ás demandas acordadas.

4. O pleno provincial insta á Xunta de Galiza a explicar de forma transparente as razóns nas demoras na realización das obras de construción e garantir a participación efectiva da plataforma social no proceso de reprogramación da construción do novo CAPD de Ourense.

5. O pleno provincial insta á Xunta de Galiza a que garanta por escrito que o centro público será de xestión exclusivamente pública e directa.

6. O pleno provincial insta á Xunta de Galiza a realizar as modificacións orzamentarias precisas para garantir a súa xestión pública directa a través da contratación de persoal público, dispoñibilizando os fondos precisos para por en funcionamento de xeito inmediato o servizo público directo, para o que se consensuará coa plataforma e os axentes sociais a convocatoria urxente dun concurso oposición para a selección inmediata de persoal que garanta a dispoñibilidade de persoal cualificado nada máis rematen as primeiras fases do proxecto.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorCáritas Ourense atendió a más de 9.100 personas en 2021, más de la mitad mujeres con hijos
Artículo siguienteUna sentencia anula la modificación de crédito por 62,6 millones aprobada por el Ayuntamiento de Ourense en 2021
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.