Acisclo Manzano recibe a Medalla de Ouro da provincia como referente dun “ourensanismo transformador, da arte e da bonhomía”

Manuel Baltar presidiu no salón de plenos do Pazo Provincial o solemne acto de entrega desta distinción ao escultor. Puxo de relevo a celebración desta homenaxe no contexto do douscentos aniversario da Deputación: “Dous séculos de servizo a un mesmo ideal: atender, servir, engrandecer e compartir a Ourensanía, que a partir de hoxe conta cun novo cidadán de ouro”

“Son de Ourense, máis non podo pedir”, afirmou o artista, que corresponderá a esta medalla “cun agasallo para todo Ourense”, anunciando para o seu 90 aniversario unha exposición titulada Tocar e levar: “A escultura ten que estar nas casas de todos meus amigos e de todos os veciños”

Na laudatio, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea, María Victoria Carballo-Calero, reivindicou a figura doutro artista, Xaime Quessada, “que grazas á amizade e complicidade co escultor axudou a facer máis cosmopolita a Acisclo”

Ourense, 17 de xuño de 2022.- O escultor Acisclo Manzano recibiu este mediodía a Medalla de Ouro da Provincia nun solemne acto celebrado no salón de plenos da Deputación de Ourense e presidido por Manuel Baltar, que definiu ao artista como todo un referente do “ourensanismo transformador, da arte e da bonhomía”. Unha distinción que o escultor correspondeu anunciando “un agasallo para todo Ourense” cando cumpra 90 anos cunha exposición que titulará Tocar e levar, “porque quero estar en todas as casas”.

Manuel Baltar resumiu o compromiso de Acisclo Manzano coa arte citando as palabras do homenaxeado: “Son escultor e doulle grazas á escultura”, deixou escrito o propio artista no encabezado do libro Acisclo Escultor, patrocinado e editado pola Deputación en 2016 e que recolle a investigación realizada pola profesora Mercedes Gallego con ilustracións de Mani Moretón.

O presidente do goberno provincial expresou a súa “admiración, respecto e agradecemento a un ourensán de pura cepa, a unha personalidade fondamente humana, inimitable, intuitiva e a un referente do que somos e ata onde podemos chegar”. Un escultor do que destacou a súa capacidade “para conciliar discretamente, sen facer ruído, sempre con eficacia” no contexto dos movementos artísticos “que agromaron na Auria que lle tocou vivir e na que segue a estar totalmente presente”. Subliñou outra capacidade máis: “Rachar co pasado sen renegar nunca das súas raíces”.

Logo de citar as palabras de Vicente Risco nunha das primeiras exposicións de Acisclo -“o escultor de ídolos aínda que non crea neles porque sabe descubrirlle os xeitos e as formas”-, Manuel Baltar puxo de relevo a celebración desta homenaxe no contexto do douscentos aniversario da Deputación de Ourense. Dous séculos de servizo “a un mesmo ideal: atender, servir, engrandecer e compartir a Ourensanía, sentimento común que nos caracteriza, e que a partir de hoxe conta con Acisclo Manzano como cidadán de ouro”.

“Quero a escultura”

O homenaxeado referendou ese sentimento afirmando que “son de Ourense e nacín nas Burgas; máis non podo pedir”, engandido que abonda con mirar cara Montealegre ou a Ribeira Sacra para comprobar que xa temos todo aquí, as formas, a paisaxe, a escultura e a pintura, sen necesidade incluso de saír de Galicia”.

Nun discurso improvisado, “para non repetirme nas anteriores intervencións”, Acisclo Manzano recoñeceu que “a escultura secuestroume, é o meu síndrome de Estocolmo, quéroa”, apuntando que quizás esta devoción veña do seu propio nome, pois gregos e romanos chamaban “acisclos” ás macetas ou martelos de ferro que utilizaban os canteiros.

Rematou a súa intervención asegurando que corresponderá a esta distinción “cun agasallo para todo Ourense” organizando unha exposición no seu 90 aniversario que pensa titular Tocar e levar porque “a escultura ten que estar nas casas de todos meus amigos e de todos os veciños”.

Amizade e complicidade con Xaime Quessada

A catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, foi a encargada da laudatio, na que afirmou que as obras de Acisclo “son unha xeografía do corpo que moldea e transforma en paixases, esculturas de inspiración clásica con pezas nas que latexa con forza o espírito da terra propia de Galicia”. Carballo-Calero quixo subliñar a “amizade e complicidade” do escultor con Xaime Quessada -ao que reivindicou para evitar o seu esquecemento- e do que dixo axudou a facer máis cosmopolita a Acisclo.

A deputada de Cultura e Producións Audiovisuais, Patricia Torres, como instrutora do expediente de honra, deu lectura ao acordo do pleno de maio de 2020 no que se aprobou conceder a Medalla de Ouro a Acisclo Manzano como “homenaxe do pobo de Ourense a toda unha intensa e frutífera traxectoria artística que contou co unánime recoñecemento da sociedade, confirmando que estamos ante un ourensán que co seu concepto innovador e vangardista contribuíu a situar a arte galega nun lugar destacado do panorama nacional e internacional”.

Ampla representación no salón de plenos

Unha vez superadas as restricións pola pandemia, o salón de plenos do Pazo Provincial encheuse de novo coa presenza de cargos institucionais como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; os alcaldes de San Cristovo de Cea e Xunqueira de Espadanedo, José Luis Valladares e Carlos Gómez; parlamentarios autonómicos e senadores; deputados provinciais de todos os grupos políticos representados na Deputación; familiares e amigos; e representantes do mundo da cultura ourensá e galega.

Redacción

Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.

Entradas recientes

El tiempo para hoy en Ourense, 19 de mayo de 2024

Durante las primeras horas del día en Ourense habrá cielos nubosos con tormentas acompañadas de…

9 horas hace

Penúltima jornada crucial para Europa League y permanencia en Laliga EA Sports

En la próxima jornada 37 de LALIGA, que se inaugura este sábado 18 de mayo…

13 horas hace

La universidad Alfonso X el Sabio sobresale en el estudio de farmacia

El último ranking elaborado por la Fundación CyD reconoce a la Universidad Alfonso X el…

14 horas hace

Castellano refuerza su apuesta en Millenium Hospitality con 10.000 acciones

Pablo Castellano Vázquez, consejero de Millenium Hospitality desde marzo, ha reforzado su apuesta por la…

14 horas hace

TÜV SÜD alcanza por primera vez ingresos superiores a 3.000 millones de euros

TÜV SÜD ha presentado sus resultados financieros globales en 2023, reportando un incremento en los…

15 horas hace

El tiempo para hoy en Ourense, 18 de mayo de 2024

Durante el día de hoy en Ourense se prevén cielos cubiertos con lluvia. En cuanto…

1 día hace

Esta web usa cookies.