Inicio Destacado Baltar empobrece e crea desigualdades en Ourense cun reparto de fondos caciquil...

Baltar empobrece e crea desigualdades en Ourense cun reparto de fondos caciquil e a dedo

O PSDEG-PSOE DENUNCIA UNHA NOVA “CONCESIÓN MASIVA E INDISCRIMINADA DE SUBVENCIÓNS, FONDOS E PROXECTOS A DEDO” NOS ORZAMENTOS PARA 2023 PRESENTADOS POR BALTAR

Os e as socialistas consideran que “estamos ante un novo uso dos fondos públicos de xeito partidista, co único obxectivo de atender a intereses personalistas do PP e do seu líder e acólitos”

Consideran que o resultado destas subvencións nominativas “a dedo” e da modificación de crédito “é unha provincia máis empobrecida, máis desigual e na que se está enganando á cidadanía”

Ourense, 1 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense cualifica os orzamentos, que Manuel Baltar e os seus acólitos pretenden aprobar na Deputación de Ourense para o 2023, coma unha “concesión indiscriminada e masiva de subvencións, fondos e proxectos a dedo”. Os e as socialistas consideran que “estamos ante un novo uso dos fondos públicos de xeito partidista, co único obxectivo de atender a intereses personalistas do PP e do seu líder, nunha nova feira do caciquismo, baseada na vulneración da lei e da Constitución”.

Dende o Grupo Provincial Socialista avogan novamente porque se acorde unha normativa para determinar criterios “obxectivos, xustos e equitativos” na distribución dos fondos públicos da Deputación de Ourense aos municipios da provincia. Os e as socialistas consideran que o resultado destas subvencións nominativas “a dedo” e da modificación de crédito “é unha provincia máis empobrecida, máis desigual e na que se está enganando á cidadanía”. Neste senso, tamén apuntan a que os concellos “presentan diversidade de proxectos, que no caso daqueles que non son do PP son ignorados sistematicamente e cando lle preguntamos ao equipo de goberno da Deputación, sempre responde que non saben nada, o que nos da a entender que non teñen coñecemento do que fai o seu propio presidente”.

Leer más:   Impulsamos a adopción de medidas contra a seca na provincia

Os e as socialistas sinalan que “ten que haber un sistema obxectivo que respecte as diferencias e particularidades entre concellos, asignando os cartos segundo as súas necesidades e non segundo caprichos persoais”, e apuntan a que “seguiremos defendendo a aprobación dun plan único permanente, que permita distribuír estes fondos públicos equitativamente”. Dende o Grupo Provincial Socialista consideran que é máis necesario que nunca “insuflar transparencia real á xestión económica, fronte á ciencia ficción que Baltar merca con cartos”. Por iso consideran “indispensable facer partícipes desta xestión aos municipios e aos grupos da oposición”.

O voceiro provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que con este reparto “discrecional” volve a “chover sobre mollado” e fixo un chamamento a poboación da provincia para que “sexa consciente que isto non é o normal, por moito que aconteza ano tras ano e hai que rematar co reparto discriminatorio, absolutamente desigual e a dedo que fai Manuel Baltar”. Neste senso, o líder dos socialistas ourensáns tamén subliñou que na Deputación de Ourense “repártense máis cartos a través de subvencións nominativas que do que se destina a cooperación cos concellos, algo que resulta escandaloso”.

Villarino apunta a que en Ourense “mantense a política de sempre, na que a Deputación recibe fondos de forma obxectiva, principalmente do Estado, e unha vez chegan á presidencia, Baltar convérteos en cartos para uso clientelar e discriminatorio, creando unha desigualdade insoportable”. Para o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense este reparto de cartos “a dedo” da como resultado unha provincia “máis empobrecida, desigual e na que agora o presidente se escuda nos técnicos para tentar enganar á cidadanía, cando todos sabemos que é el o que decide o reparto dos cartos, ignorando sistematicamente os proxectos presentados por concellos que non son da súa cor política”.

Leer más:   Punxín, único concello de Ourense que gasta cero euros das axudas estatais contra a violencia de xénero

O deputado provincial do PSdeG-PSOE na comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso Araujo, fixo fincapé en que estamos ante uns orzamentos “calcadiños aos de anos anteriores, nos que apenas hai variacións”. O representante socialista tamén sinalou que “estamos nunha provincia cunhas eivas moi grandes, que ocupa os últimos postos a nivel nacional de calquera índice económico e os primeiros postos a nivel de envellecemento, perda de poboación e emigración da mocidade e en parte polo pésimo reparto que se fai dos fondos públicos por parte da Deputación”.

Alonso Araujo afirmou que “aquí presúmese moito de ourensanía, pero a ourensanía non se fai repartindo cartos de xeito arbitrario, faise repartindo equitativamente e dándolle a todos polo menos algo”. O deputado provincial tamén quixo pór o foco na “grave” situación que viven moitos concellos por mor da crise e na necesidade de que a Deputación faga un esforzo “máis solidario se queremos que esta provincia avance”.

Diferenzas abismais segundo a cor política

Nos datos aos que o PSdeG-PSOE de Ourense tivo acceso e na documentación remitida polo goberno provincial volve a destacar un ano máis a diferenza “abismal” entre concellos, dependendo da cor política dos mesmos. Deste xeito, no reparto de subvencións nominativas atopámonos que os concellos gobernados polo PP reciben un total de 4.377.620,84 euros, polos 425.950 € dos concellos gobernados polo PSdeG, os 268.000 destinado aos do BNG e os 79.320 que van a independentes. “Isto supón que o 86,28% dos orzamentos destinados a subvencións nominativas recaen en concellos do PP, namentres que só un 8,08% vai aos do PSdeG, un 4,20% aos do BNG e un 1,43% aos de independentes”, apuntan os e as socialistas.

Leer más:   O PSOE de Pereiro pide adaptar as piscinas para que poidan ser usadas por persoas con mobilidade reducida

En referencia a modificación de crédito de setembro, que o goberno provincial pretende aprobar no vindeiro pleno, “volve brillar o uso partidista a concellos do PP”. Deste xeito, os concellos gobernados polo PP levan un 92% dos fondos destinados a modificación, polo 7% que reciben os do PSdeG e o 1% destinado a outros gobernos. “Nesta modificación destacan os cartos a concellos como Castrelo de Miño, cun goberno apoiado por tránsfugas, que recibe 192.000 €, ou Riós, cunha alcaldesa posta a dedo, despois de que o alcalde abandonase o barco tras arruinar o concello”, explican dende o PSOE ourensán.

Os e as socialistas tamén destacan que a suma das subvencións nominativas e a modificación de crédito “dan como resultado que os concellos do PP levan un total de 5.499.705,14 de euros, namentres os do PSdeG, só 514.967 €, os do BNG ,268.000 € e os independentes, 91.319,80 €”. Isto supón que o 86,28% de todos estes cartos recae en concellos do PP, polos 8,08% dos do PSOE, o 4,20% do BNG ou o 1,43% dos independentes. “O ranking desta feira do caciquismo encabézao Castrelo de Miño, cun total de 432.000 euros, seguido de A Merca con 344.000, Monterrei con 325.247,77 e Pereiro de Aguiar con 305.000, todos eles con gobernos do Partido Popular”, finalizan dende o PSdeG-PSOE de Ourense.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorCargos municipais de México, Colombia e Paraguay visitan a Deputación como exemplo de boas prácticas en transparencia e goberno aberto
Artículo siguienteCondenamos a explotación sexual e a trata de persoas
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.