Inicio Destacado A Deputación recoñece o traballo do persoal de Expourense en momentos complicados...

A Deputación recoñece o traballo do persoal de Expourense en momentos complicados da pandemia

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, agradeceu na presentación dos datos de Expourense en 2021 o esforzo dos traballadores para combinar a actividade feiral e deportiva coa sanitaria, reconvertendo o recinto nun gran centro de vacinación

O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, detallou a Memoria de Actividades do 2021, un ano no que se organizaron 7 feiras e 12 eventos, con máis de 49.000 visitas. Ademais, o recinto acolleu unha quincena de campionatos de atletismo

Ourense, 28 de abril de 2022.- O recinto de Expourense foi durante o ano 2021 un lugar de intensa actividade no eido feiral, deportivo e sanitario. Así se recollen nos datos presentados na memoria de actividades do ano pasado, presentada esta mañá nun acto en Expourense que contou coa presencia do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; a presidenta da CEO, Marisol Novoa, e o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA, José Manuel Nogueira.

O vicepresidente segundo amosou na súa intervención o seu agradecemento ó persoal que traballa en Expourense, xa que “Expourense non so foi durante o 2021 un escaparate dos mellores produtos da provincia, se non que tamén o foi da capacidade organizativa que ten a sociedade ourensá”. César Fernández tamén destacou que maila situación sanitaria, a actividade feiral continuou, e iso é “garantía de que nun futuro tamén continuará desenvolvendo unha actividade intensa para mostrar o mellor que ten a nosa provincia”.

Os datos

Tal e como detallou Rogelio Martínez na presentación da Memoria de Actividades de Expourense 2021, a Fundación Expourense organizou durante o 2021 sete feiras e 12 eventos, cunha participación de 352 expositores e 49.000 visitas. No eido deportivo, o calendario de Expourense abarcou unha quincena de campionatos de atletismo, con máis de 4.000 visitas e máis de 1.200 sesións de adestramento. Ademais, a reconversión do recinto feiral en centro de vacinación resúmese na administración de máis de 346.000 doses de vacinas do covid-19. En total, os tres eixos -feiral, deportivo e sanitario- xeraron máis de 400.000 visitas a Expourense.


- Te recomendamos -