Inicio Destacado A Deputación convoca o XLI Premio de novela Eduardo Blanco-Amor

A Deputación convoca o XLI Premio de novela Eduardo Blanco-Amor

A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases do galardón de maior prestixio en lingua galega, que desde 2015 organizan e patrocinan a institución provincial e a Fundación Blanco-Amor cunha dotación económica de 15.000 euros

No capítulo de cooperación con concellos e entidades a Xunta de Goberno aprobou a concesión de subvencións por un importe superior a 400.000 euros

Na reunión desta mañá aprobáronse tamén dúas convocatorias para a organización de eventos e actividades deportivas por parte de concellos e mancomunidades (50.000 euros) e de entidades sen ánimo de lucro (60.000 euros)

Resolveuse ademais o concurso de subvencións para festivais, ciclos, mostras ou actividades semellantes, concedéndose un total de 60.000 euros a 19 asociacións agrupacións culturais, teatrais e musicais e 13 concellos

Ourense, 4 de xullo de 2022.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática e presidida polo vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou as bases da XLI edición do Premio Eduardo Blanco-Amor de novela, o galardón de maior prestixio en lingua galega que desde 2015 organizan e patrocinan a Deputación e a Fundación Blanco-Amor para fomentar e difundir a literatura en Galicia e manter viva a figura do renovador da narrativa galega.

O prazo para a presentación de orixinais rematará o 3 outubro, data que coincide co 122 aniversario do nacemento do escritor ourensán. O premio ten unha contía económica de 15.000 euros e inclúe unha peza escultórica conmemorativa. A este certame poderán presentarse persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e na normativa vixente. As obras deberán ser inéditas, non estar premiadas en ningunha outra convocatoria, nin publicadas ou rexistradas.

A concesión do premio obriga á publicación da novela por parte dunha editorial que libremente escolla a persoa gañadora. A Deputación e a Fundación Eduardo Blanco-Amor nomearán unha comisión lectora para puntuar os orixinais presentados, composta por tres persoas de acreditada experiencia no ámbito literario, presentando ao xurado as súas conclusións.

O xurado, que será nomeado pola Deputación e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega, reunirase para deliberar na última semana de novembro, mentres que a entrega do premio celebrarse nun acto literario organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor o 1 de decembro de 2022, data do 43º cabodano do falecemento do autor de A Esmorga.

Cooperación con concellos e entidades

No capítulo de cooperación con concellos e entidades, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de subvencións por un importe superior a 400.000 euros. Polo que respecta a concellos, as achegas aprobadas foron as seguintes: case 48.000 euros para Cartelle con destino á mellora de camiños nas localidades de Baldariz; San Martiño, Bagullo e Nogueiró; preto de 8.000 euros a Porqueira para o Plan Marco 2021-2022; 150.000 euros para a segunda fase da rehabilitación dunha vivenda compartida en Xunqueira de Ambía; e senllas axudas de 48.000 euros cada unha ao Concello de Quintela de Leirado para a pavimentación e mellora da rúa Cimadevila, a senda peonil Atrio-Souto, obras de carpintería no local social de Redemuíños e a traída de augas en Mociños.

No tocante a entidades as subvenciones concedidas foron: 40.000 euros a favor da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Terra de Celanova; 8.000 euros para a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Maceda; 18.000 euros a favor de Amigos da Cociña Galega para as “Xornadas Experiencias Galicia-Canadá”; 20.000 euros para a Asociación de Produtores de Pataca da Limia; 4.000 euros para adquisición dunha carpa por parte da asociación de veciños As Laxas; e máis de 12.000 euros para a sociedade Triente con motivo da Gold River Race 2022.

Eventos e actividades deportivas

Na reunión desta mañá aprobáronse outras dúas convocatorias de subvención para a organización de eventos e actividades deportivas por parte de concellos e mancomunidades e de entidades sen ánimo de lucro.

No referido ás entidades locais, nesta convocatoria subvencionaranse eventos deportivos específicos e puntuais como andainas e carreiras, torneos e campionatos de interese popular, xornadas deportivas ou marchas e rutas en bicicleta, a cabalo, piragua ou similares. As outras actividades obxecto de subvención serán as acollidas en programas para adultos e persoas maiores ou as destinadas a promoción dun deporte a través de escolas ou cursos.

A contía total destas achegas é de 50.000 euros, cun máximo do 70 % de axuda en relación ao custo global da actividade para os concellos de menos de 3.000 habitantes e do 50 % no caso dos municipios con máis de 3.000 habitantes e mancomunidades. En todo caso ningunha entidade local poderá obter unha subvención superior a 3.000 euros para o conxunto dos proxectos que presente. O prazo de presentación de solicitudes comezará coa publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e no BOP, rematando o 15 de agosto.

As axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro inclúen as disciplinas recoñecidas por federacións deportivas ou actividades, sexan competitivas ou non, tales como campionatos e torneos, carreiras, andainas ou rutas de sendeirismo ou cicloturistas. Esta convocatoria ten un orzamento de 60.000 euros. A subvención será do 30 % do custo estimado da actividade, sen que poda superar en ningún caso unha contía superior a 11.000 euros. O prazo para presentar solicitudes iniciarase coa publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e no BOP, rematando o 16 de agosto.

Na orde do día figuraba ademais a resolución do concurso de subvencións para festivais, ciclos, mostras ou actividades semellantes, concedéndose un total de 60.000 euros a 19 asociacións agrupacións culturais, teatrais e musicais e 13 concellos.


- Te recomendamos -