Inicio Destacado Arnoia celebra a XLIII Festa do Pemento, co apoio da Deputación a...

Arnoia celebra a XLIII Festa do Pemento, co apoio da Deputación a un dos produtos senlleiros da gastronomía ourensá

Na presentación do programa, Manuel Baltar referendou a colaboración do goberno provincial “con todas aquelas actividades que poñan en valor a un dos produtos senlleiros da nosa gastronomía, sen dúbida un reclamo e un atractivo turístico para un concello que o ten todo”

O alcalde, Rodrigo Aparicio, destacou a implicación das institucións e maila colaboración veciñal, que fan posible “unha celebración que aspiramos a que sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional”

Do 5 ao 7 de agosto poderán degustarse máis de 3.000 quilos de pementos en diversas preparacións. A programación inclúe ademais unha concentración de vehículos clásicos, deportes, actividades infantís e o festival de pandeireteiras Arnoia Viva

Ourense, 28 de xullo de 2022.- O concello de Arnoia celebra na primeira fin de semana de agosto a XLIII Festa do Pemento, que recupera o seu tradicional formato logo do remate das restricións impostas pola pandemia. Unha cita co selo de Interese Turístico Galego que foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde, Rodrigo Aparicio; a tenente alcalde, Purificación Domínguez; o edil Francisco Javier Sánchez; o organizador da concentración de vehículos clásicos enmarcada nesta festa, José Manuel Martínez, e o vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos municipios do Ribeiro, César Fernández.

Leer más:   O vicepresidente Rosendo Fernández participou na inauguración da Feira do Libro de Ourense

“Todo un clásico no carrusel de festas gastronómicas no que se convirte a nosa provincia durante o mes de agosto”, asegurou Manuel Baltar na súa intervención, que felicitou ao concello “non só por manter viva esta festa, senón por potenciala”. O presidente do goberno provincial referendou o apoio da Deputación “a todas aquelas actividades que poñan en valor un dos produtos senlleiros da nosa gastronomía, sen dúbida un reclamo e un atractivo turístico para un concello que o ten todo, incluíndo a Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Arnoia”.

Rodrigo Aparicio destacou a implicación das institucións -Deputación, Inorde e Turismo de Galicia, ademais de entidades privadas-, “pero sobre todo a importantísima colaboración veciñal que se mantén desde os inicios desta festa nos anos 80”. Así, explicou, preto de 150 persoas participan na organización, divididas en cinco quendas, “para facer posible unha celebración que aspiramos a que sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional”. Un obxectivo para o que se precisa “seguir loitando por manter unha produción que se reduciu notablemente nas últimas décadas”, advertiu o alcalde.

Leer más:   Alegaremos contra os orzamentos da Deputación tras detectar irregularidades

Purificación Domínguez explicou a programación dunha festa que do 5 ao 7 de agosto non só ofrecerá a degustación de máis de 3.000 quilos de pementos en diversas preparacións, senón que tamén inclúe outras actividades como a mencionada concentración de vehículos clásicos, deportes, actividades infantís e música. Ademais, sinalou a tenente alcalde, recupérase o festival de pandeireteiras Arnoia Viva, “que permite conservar o falar dos nosos devanceiros a través da música tradicional, homenaxeando este ano a Rosa de Moscoso, pioneira nesta tarefa de recuperación das nosas cantigas”.

 

 


- Te recomendamos -
Artículo anteriorLa Audiencia de Ourense ratifica la condena contra un cura que abusó en 2006 de un menor al que daba catequesis
Artículo siguienteA Deputación colabora na organización da VIII edición do Festival Hércules Brass Celanova
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.