Inicio Destacado A Deputación creará unha oficina física e outra itinerante para facilitar a...

A Deputación creará unha oficina física e outra itinerante para facilitar a transición dixital de pemes, autónomos e emprendedores en zonas rurais

O goberno provincial capta fondos comunitarios para avanzar na implementación do proxecto AcelerOU, que se integrará na Rede de Oficinas Acelera Peme e que conta co respaldo de concellos e entidades como a Universidade de Vigo

Manuel Baltar define AcelerOU coma “unha ferramenta pública para estimular a transformación da economía e da sociedade cara unha contorna dixital, un movemento imprescindible para fixar poboación e seguir potenciando o rural”

O presidente da Deputación enmarca este proxecto dentro da aposta do goberno provincial por “loitar contra a fenda dixital e avanzar na igualdade de oportunidades” e “apoiar e acompañar ás pemes, autónomos e os emprendedores da nosa provincia”

O programa, cunha duración de dous anos, sumará unha oficina física nas instalacións do Inorde en Xinzo e outra móbil para recorrer as comarcas da provincia de Ourense. Ademais, contará con apoio online

Ourense, 11 de agosto de 2022.- A Deputación de Ourense avanza no seu proxecto AcelerOU, un programa que busca impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes, autónomos e emprendedores da provincia. Este programa converteuse nun dos beneficiarios da convocatoria de axudas para a creación da Rede de Oficinas Acelera Peme -que conta con financiación comunitaria-, aportando parte do orzamento previsto para levar a cabo o programa.

O plan AcelerOU, que foi presentado en febreiro á convocatoria de axudas do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital, está deseñado polo goberno provincial para axudar ás pemes, autónomos e emprendedores na súa transformación dixital.

Leer más:   Medio cento de piragüistas disputarán entre Ourense e Castrelo de Miño unha das tres etapas da Gold River Race

Manuel Baltar reuniuse co director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, para avanzar nun proxecto que busca axudar, “na transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital, un movemento imprescindible para fixar poboación e seguir potenciando o rural”, segundo explica o presidente da Deputación, que remarca que “neste contexto de transformación dixital, é imprescindible impulsar dende as administracións públicas este cambio. E aí, AcelerOU convértese nunha nova ferramenta pública desenrolada dende este goberno para estimular a sensibilización, formación e concienciación da sociedade”.

Despois de recoñecer “a excelente labor dos técnicos da Deputación no deseño de plans e programa co potencial necesario para captar fondos comunitarios”, Manuel Baltar enmarca AcelerOU dentro do traballo do goberno provincial pola “vertebración territorial, a loita contra a fenda dixital e a igualdade de oportunidades, así coma dentro da nosa aposta por apoiar e acompañar a pemes, autónomos e emprendedores de Ourense”.

Neste horizonte, o presidente da Deputación destaca liñas de actuación executadas coma a celebración da Mobile Week Ourense ou o Plan de Acompañamento Dixital -na loita contra a fenda dixital- e, dentro da colaboración con “estes sectores fundamentais da nosa economía”, o plan EmprendOU e os realizados dentro do programa POCTEP -como Emprende makers ou Circular Lab-; as axudas directas outorgadas en plena pandemia a máis de 4.000 autónomos; todo o “fundamental traballo” desenrolado polo Inorde ou “as alianzas con axentes dinamizadores do territorio”, coma a propia Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

Leer más:   O Irixo e San Amaro organizan a primeira edición do seu Festival Céltico, co apoio da Deputación

AcelerOU conta co respaldo de concellos e apoios como a Universidade de Vigo, asociacións de desenvolvemento rural e entidades vinculadas á innovación e a tecnoloxía

Manuel Baltar resalta o apoio recibido por AcelerOU de concellos de toda a provincia e axentes colaboradores en diferentes ámbitos, como pode ser a Universidade de Vigo, entidades potencialmente demandantes de tecnoloxía -CEO, Confederación de Empresarios de Hostalería, Consellos reguladores, …-; vencelladas ao coñecemento e a oferta tecnolóxica -Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC, a Tecnópole…-; entidades autonómicas de apoio á innovación coma a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como asociacións de desenvolvemento rural. Tamén é importante o apoio de entidades enfocadas á muller, como a Asociación Galega de Mulleres Rurais ou Executivas de Galicia, nun programa que ten coma un dos seus principais obxectivos potenciar a participación das mulleres nas actividades propostas para fomentar o autoemprego feminino.

Todos estes concellos e entidades axudarán a desenrolar o programa, ademais de converterse nun canal de difusión e visibilidade para aumentar a capilaridade do programa e chegar aos destinatarios potenciais de AcelerOU.

Leer más:   ¿Buscas trabajo para este verano? Estos son los puestos ofrecidos en Sanxenxo

Combinará unha oficina física e outra itinerante, ademais dun apoio virtual

O proxecto AcelerOU, cunha duración de 24 meses, abarcará un amplo abanico de temáticas con relación á dixitalización dos usuarios. Entre outros, traballará na estratexia e cultura dixital; a relación co cliente: visibilidade e comercialización; procesos internos; novos produtos e servizos e Seguridade informática. Todas estas temáticas serán abordadas a través dunha ampla serie de tecnoloxías e ntre os obxectivos inclúese tamén o asesoramento e apoio en todo o relacionado cos trámites do programa Kit Dixital.

Executar estes servizos e estendelos por todo o territorio da provincia de Ourense lograrase mediante unha estratexia que combinará unha oficina física permanente nas instalacións do Inorde en Xinzo e unha oficina itinerante, con estancias semanais en municipios de todas as comarcas ourensás. Ademais, establecerase unha oficina virtual, aberta 24 horas ao día os 7 días á semana e que combina un sistema de “chatbot” conversacional cunha interacción dentro dun contorna web tipo ou mediante a recreación dun espazo de realidade virtual 3D.

O proxecto implementará xornadas de sensibilización e de apoio para a introdución e uso de tecnoloxías da comunicación e da información innovadoras, favorecendo a súa incorporación nos seus procesos produtivos e de xestión co seu Concello. Tamén se celebrarán sesións de “networking” para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica relacionada coa transición dixital.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorEl incendio de O Irixo (Ourense) crece hasta las 680 hectáreas, con el desalojo de dos vecinos de Trabazón
Artículo siguienteLos fuegos de Laza y Chandrexa (Ourense) se unen en un gran incendio que arrasa 2.100 hectáreas
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.