Inicio Destacado A Deputación participa na convocatoria do primeiro Hackathon – Laboratorio de ideas...

A Deputación participa na convocatoria do primeiro Hackathon – Laboratorio de ideas e Innovación, que premiará ás mellores solucións para o desenvolvemento do turismo sostible transfronteirizo

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, puxo en valor na presentación do encontro esta oportunidade para “recoller as ideas da sociedade” e fomentar a participación cidadá na mellora da sostibilidade turística, a competitividade e o talento

A iniciativa, na que tamén participa o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo, está enmarcada no proxecto Emprende Makers e reunirá a alumnado, emprendedores e profesionais

A fase final do hackathon terá lugar o 14 e 15 de outubro na Escola Superior de Enxeñaría Informática

Ourense, 12 de setembro de 2022.- A Deputación de Ourense e o Concello de Ourense convocan xunto á Universidade de Vigo e o resto de beneficiarios do proxecto Emprende Makers o “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación”, a primeira edición dun encontro que nace para abordar os retos do sector turístico en Galicia e o norte de Portugal. A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Emprende Makers, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A ESPAÑA – PORTUGAL (POCTEP) 2014-2020.

Este hackaton -o nome técnico dun evento que reúne a estudantes ou profesionais de diferentes ámbitos e que ten como principal obxectivo resolver desafíos nun tempo específico, curto e continuo- realizarase en formato híbrido, en liña e presencial, e a fase final celebrarase no Campus de Ourense, o 14 e 15 de outubro.

A presentación da primeira edición do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación” realizouse esta mañá no Edificio Politécnico do Campus de Ourense, coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, o teniente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, e o director da Escola Superior de Enxeñería Informática, Francisco Javier Rodríguez.

Na súa intervención César Fernández subliñou que Emprende Makers é un exemplo “da colaboración e cooperación institucional e administrativa” e puxo en valor deste Hackathon o feito de que permite “recoller as ideas da sociedade” e fomentar a participación cidadá na mellora da sostibilidade turística, a competitividade e o talento.

Armando Ojea lembrou “a sensibilidade” do Concello de Ourense “coa promoción de todo o que é a tecnoloxía punteira” e coas “medidas de sostibilidade”, destacando que “a sostibilidade no turismo empeza a ser unha cuestión que comeza a ser delicada” debido á súa masificación.

Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez subliñou que, en xeral, “temos todos a idea de que un hackathon é un evento só de informática, de programación, pero neste caso buscamos que sexa un laboratorio de ideas multidisciplinar, evidentemente cun compoñente de informática, web ou tecnoloxía” e centrado nun reto concreto.

Abordar os retos do sector turístico

A meta desta primeira convocatoria do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación” en Ourense é descubrir, seleccionar e premiar as mellores solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible na Eurorrexión Galicia – norte de Portugal. As propostas poden estar centradas en calquera ámbito urbano, rural ou natural deste territorio, así como calquera outra vila, comarca ou paraxe singular.

Dende a organización do hackhaton resaltan que, dun xeito habitual, os retos abordados neste  tipo de programas encádranse no ámbito da programación, o hardware ou o contido técnico. Como novidade, na convocatoria do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación” en Ourense tamén se poden incorporar elementos de transformación dixital, xestión de procesos, deseño de proxectos e ideas e o estudo de casos, abrindo deste xeito o evento a perfís multidisciplinares e interxeracionais e facendo converxer creatividade, economía e innovación.

No contexto xeral, os convocantes do hackhaton explican que “os sectores do turismo e a cultura bríndaselles na actualidade unha oportunidade única para adoptar innovacións que lles aseguren un futuro sostible. Entre os seus desafíos está a reivención e diversifación da oferta, atraer novas audiencias e desenvolver habilidades para apoiar esta transición. Aproveitar a dixitalización, apoiar o turismo circular e promover as áreas menos explotadas son a clave para construír proxectos máis fortes, máis sostibles e resilientes”.

O obxectivo último é contribuír a unha economía máis circular e capaz de deixar un maior valor engadido no territorio, utilizando para iso a creatividade e a innovación.

O desafío prantexado por este hackathon

A organización do hackathon prantexa como desafío “aumentar o turismo a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mediante solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores que contribúan á mellora do posicionamento de Galicia, o norte de Portugal ou ambos os espazos como destino turístico”.

Os proxectos deberán centrarse nun ou varios dos elementos diferenciadores deste territorio, naturais -como poden ser as augas termais, a Serra do Courel ou a Ribeira Sacra polo lado galego, ou enclaves portugueses como Vos Passadiços do Paiva,  ou recunchos da rexión do Alto Douro-, etnográficos -como as Denominacións de Orixe ou o Entroido- ou calquera outro elemento do patrimonio cultural, material ou inmaterial, de ambos os lados da fronteira. Estes elementos deberán estar integrados nas propostas para presentar de forma que poidan funcionar como pancas para aumentar a afluencia de visitantes e a atracción de turismo de calidade.

O proceso de inscrición será desde o día 12 ata o 25 de setembro e farase mediante formulario nas webs www.hackathonemprendemakers.com  e www.emprendemakers.com

 

 


- Te recomendamos -