Inicio Destacado A Deputación colabora coa Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social na...

A Deputación colabora coa Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social na Serra do Xurés

Estas xornadas reunirán o 1 e 2 de outubro na Baixa Limia a profesionais e membros da comunidade universitaria de centros de Galicia, Asturias e Portugal

O encontro tamén busca achegar aos asistentes os valores sociais, etnográficos, naturais e culturais do rural raiano do sur de Ourense

Ourense, 16 de setembro de 2022.- O Edificio Multiusos de Lobios acolleu esta mañá a presentación da Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social na Serra do Xurés, unhas xornadas que se celebrarán o 1 e o 2 de outubro coa colaboración da Deputación de Ourense e que están deseñadas co obxectivo de crear lazos e dinámicas de relación entre profesionais e estudantes de Galicia, Asturias e o norte de Portugal e achegarlles os valores sociais, etnográficos, naturais e culturais do rural raiano do sur de Ourense.

A deputada Luz Doporto participou na presentación da convivencia xunto á alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, o decano de Educación Social do Campus de Ourense, Xosé Manuel Cid, e o profesor Jesús Deibe Fernández.

Na súa intervención, Doporto destacou a importancia deste tipo de encontros para o “desenvolvemento do rural, dando a coñecer as oportunidades do rural a través da vida e costumes dos veciños”. Un aspecto que tamén resaltou a alcaldesa, incidindo no importante retorno económico que deixarán estas xornadas na comarca da Baixa Limia.

Leer más:   Presentada a novela gañadora do premio Blanco-Amor 2021: "Aquí comeza o mar", de Blanca Riestra

Dende a organización do encontro resaltan como obxectivo xeral a “dinamización económica e sociocultural da comarca da Baixa Limia a través dun programa de actividades que permitan a convivencia e intercambio de experiencias entre a poboación da zona e o estudantado do grao de Educación Social”. E poñen en valor fitos como “establecer un encontro anual de promoción cultural e medioambiental na comarca da Baixa Limia; fomentar a divulgación e difusión dos valores naturais, sociais e culturais do rural entre a mocidade; facilitar un espazo de intercambio de coñecementos interxeneracionais; favorecer un escenario de empoderamento para colectivos de especial vulnerabilidade social ou destacar o papel da muller na sociedade rural galega”.

As xornadas, que teñen o prazo de inscrición aberto ata o 23 de setembro e que coincidirán coa celebración do Día Internacional da Educación Social -o 2 de outubro-, están organizadas polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia coa colaboración, ademais da Deputación, do Concello de Lobios, o Concello de Entrimo, a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago, a Escola Superior de Educaçao de Viseu, o Colexio de Educación Social de Asturias, a Associaçâo dos Profissionais Técnicos Superiores de Educaçâo Social e a Facultad Padre Ossó.

Leer más:   Xoves, 13 de outubro de 2022

Un intenso programa de actividades

A Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social na Serra do Xurés contará cun intenso programa de actividades formativas, culturais e lúdicas que, segundo resaltan dende a organización, “facilitarán o intercambio de coñecementos interxeracionais, a reivindicación do papel da muller na sociedade rural galega, a sensibilización no respecto á diversidade, e a posta en valor do comunitarismo rural entre mocidade”.

O Edificio Multiusos de Lobios, o CEIP de Lobios e diversos paraxes da Serra do Xurés serán escenarios dun encontro que inclúe conferencias de especialistas en acción socioeducativa, experiencias de aprendizaxe comunitaria, actividades culturais e lúdicas de convivencia coa veciñanza da Baixa Limia, espazos interxeneracionais de coñecemento da etnografía e dos valores sociais propios da comunidade rural e rutas para o descubrimento da riqueza natural da Serra do Xurés.

Leer más:   Rosendo Fernández participou na inauguración da mostra "Bebedeira de ensoños", sobre Delgado Gurriarán

O sábado 1 de outubro, a convivencia arrancará en Lobios co “Seminario Internacional de Acción Socioeducativa”, cun programa que abrangue varias mesas redondas arredor dos retos do acompañamento socioeducativo, a educación social ou a dinamización do rural. Esta xornada do sábado, con varias sedes deslocalizadas arredor do Xurés, tamén inclúe unha Feira de Educación Social, un espazo etnográfico, un espazo violeta e, como peche, un magosto popular de convivencia e o festival cultural Xurés Son.

Para o domingo 2 de outubro, a programación inclúe visitas guiadas a lugares de interese do Parque Natural do Xurés  antes da celebración das conclusións da convivencia e un xantar de peche. 


- Te recomendamos -
Artículo anteriorCelebramos que a variante norte sexa unha realidade grazas ao compromiso do goberno socialista de Pedro Sánchez
Artículo siguienteProfesionais e cidadáns achegáronse á Intelixencia Artificial e á tecnoloxía no rural na segunda xornada da Mobile Week Ourense
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.