Inicio Destacado A Deputación organiza unhas xornadas de acceso a financiamento e a mercados...

A Deputación organiza unhas xornadas de acceso a financiamento e a mercados exteriores

As xornadas celebraranse na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense o 26 e 27 de outubro e o 2 e 3 de novembro

A iniciativa, enmarcada no proxecto “Emprende Makers”, está dirixidas aos emprendedores de Galicia e norte de Portugal cunha idea ou proxecto empresarial vinculado a solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores asociados ao ámbito “maker”

Ourense, 23 de setembro de 2022.- A Deputación de Ourense organiza unhas xornadas de acceso a financiamento -Investor’s days- e de acceso a mercados exteriores. Estas actuacións enmárcanse no Proxecto “Emprende Makers”, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa INTERREG V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020. Este proxecto, ademais da Deputación de Ourense, está integrado polo Concello de Ourense, Universidade de Vigo, Xunta de Galicia, Universidade do Minho, Município de Vila Nova de Famalicão, Município de Melgaço e Municipio de Paredes de Coura.

As xornadas celebraranse na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense o 26 e 27 de outubro e o 2 e 3 de novembro. E están dirixidas aos emprendedores de Galicia e norte de Portugal cunha idea ou proxecto empresarial vinculado a solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores asociados ao ámbito “maker”, entendido de forma ampla e en calquera campo de coñecemento. Poden participar tanto empresas xa constituídas como proxectos en fase de desenvolvemento.

No mes de outubro, previo á celebración das xornadas, as persoas emprendedoras recibirán 20 horas de formación impartidas por profesionais do ámbito do financiamento e 16 horas de formación especializada en internacionalización. A formación realizarase en formato híbrido (en liña e presencial) para favorecer o seu seguimento por parte dos proxectos sen deixar de promover o necesario networking.

Cada proxecto tamén contará con mentores que lles apoiarán no desenvolvemento do seu plan de internacionalización e o proceso de captación de financiamento.

Aquelas persoas interesadas poden consultar as bases da convocatoria xunto cos criterios de participación na web: jornadas.emprendemakers.eu e formalizar a súa inscrición a través da mesma web dende hoxe, 23 de setembro, ata o 5 de outubro de 2022.

Esta iniciativa busca apoiar e dar visibilidade a empresas e proxectos innovadores de Ourense e do ámbito xeográfico transfronteirizo do Proxecto Emprende Makers que seguiron un itinerario formativo e de asesoramento personalizado en internacionalización e captación de financiamento que lles permite mellorar o seu posicionamento no mercado e consolidar novas ideas viables técnica e financeiramente.


- Te recomendamos -