Inicio Destacado A Deputación aproba tres plans económicos para cooperar cos concellos na creación...

A Deputación aproba tres plans económicos para cooperar cos concellos na creación de comunidades enerxéticas locais, iniciativas de medio rural e infraestruturas deportivas

O expediente de modificación de crédito aprobado no pleno celebrado hoxe inclúe iniciativas de eficiencia enerxética e promoción do deporte, ademais de facilitar a redacción do proxecto do hotel balneario no Pazo Provincial

Luz verde inicial ao orzamento da Deputación para 2023 -90,9 millóns de euros-, no que se reforza o esforzo inversor da administración provincial e se inclúe unha partida para un novo convenio coa Xunta en prevención e loita contra incendios

A Corporación provincial apoiou por unanimidade unha declaración institucional a favor da candidatura da cidade de Ourense como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)

No apartado de proposicións aprobáronse tres mocións sobre medidas fronte á seca, a necesidade de preservar e conservar as presas tradicionais de Galicia, e a Medalla de Ouro da provincia para o escultor Xosé Cid

Ourense, 30 de setembro de 2022.- A Deputación de Ourense impulsará catro importantes iniciativas nos ámbitos da eficiencia enerxética, medio rural, infraestruturas deportivas e termalismo grazas ás partidas incluídas no orzamento da Deputación de Ourense para 2023 e nun expediente de modificación de créditos, ambos plans aprobados esta mañá polo pleno da corporación provincial na sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro e presidida por Manuel Baltar.

No orzamento da institución provincial figura unha das iniciativas con maior dotación: 864.463 euros para un novo convenio entre a Deputación e a Consellería de Medio Rural, polo que os concellos poderán financiar a adquisición de tractores con aparellos de roza dentro do plan da consellería de prevención e loita contra os incendios forestais. Un acordo que converte á Deputación de Ourense na única institución provincial galega que mantén esta colaboración coa Xunta de Galicia para a dotación ás entidades locais de maquinaria forestal.

Polo que respecta ás iniciativas incluídas no expediente de modificación de créditos cómpre destacar unha experiencia piloto, liderada pola Deputación, para a creación das primeiras comunidades enerxéticas locais de Galicia. Un proxecto, dotado con 100.000 euros, que se desenvolverá en 12 concellos da provincia: Riós, A Gudiña, A Peroxa, Muíños, Carballeda de Avia, Larouco, San Xoán de Río, Maceda, San Amaro, Os Blancos, A Merca e Montederramo, cuxa poboación supera en conxunto os 16.000 habitantes.

O obxectivo é impulsar o autoconsumo colectivo, aumentar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 e lograr aforros de ata o 30 % nas facturas de electricidade tanto de edificios e equipamentos públicos como de fogares e pemes. Os membros das comunidades enerxéticas convértense en produtores, xestores e usuarios de enerxía limpa e máis económica, con instalacións fotovoltaicas de autoconsumo próximas á súa propiedade e sen impacto na súa contorna social e ambiental. Ademais, está previsto que unha parte da enerxía destínese a cubrir as necesidades de familias do municipio en situación de pobreza enerxética.

Leer más:   Manuel Baltar reivindica na asemblea xeral do Eixo Atlántico o “papel central de Ourense” dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Tamén figura no citado expediente unha partida de 580.000 para a promoción e fomento do deporte a través da mellora de infraestruturas deportivas. Neste sentido estase a negociar a sinatura dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, cuxo obxectivo é cofinanciar o acondicionamento, mellora e mantemento de seis campos de fútbol nos concellos de Lobios, Amoeiro, Pobra de Trives, Toén, Viana do Bolo e Cartelle.

Ademais, na modificación de créditos tamén se contempla, como ampliación da partida para proxectos, a elaboración da proposta construtiva do futuro hotel balneario de Ourense que se situará no Pazo Provincial.

90,9 millóns de orzamento para 2023

No pleno celebrado esta mañá aprobouse inicialmente o orzamento da Deputación para o ano 2023, que alcanza os 90,9 millóns de euros. Un incremento do 6,15 % que se traduce en máis de 5,2 millóns de euros con respecto ao vixente plan económico. Un documento que reflicte o ingreso de 75,7 millóns de euros por transferencias correntes do Estado, as comunidades autónomas, entidades locais e mancomunidades, o 83,24 % do importante total dos ingresos, sendo así a principal vía de recursos da entidade.

No estado de gastos e xunto cun aumento do capítulo de persoal ata os 35,2 millóns de euros (5,03 %) debido ao aumento previsto nas retribucións dos funcionarios, destacan tamén os 23 millóns consignados para gastos correntes en bens e servizos (10,52 %), sendo este o apartado que máis medra debido á suba dos prezos das subministracións e da enerxía. Para investimentos reais haberá 11,6 millóns, o que significa dispoñer de case un millón máis que no presente ano (9,35 %). Unhas cifras que supoñen intensificar o esforzo inversor da Deputación.

Polo que respecta ás liñas estratéxicas do goberno provincial cómpre apuntar que no marco da cooperación local os concellos recibirán 4,7 millóns de euros en transferencias de capital para os seus investimentos (2,97 %). Manterase ademais o plan de gastos correntes para axudar a aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, dentro do plan de cooperación para obras e servizos; a achega económica para acción social será de 1,2 millóns; e a reparación de vías provinciais contará con 1,4 millóns de euros.

Áreas de gasto

Por áreas de gasto, os servizos públicos básicos (Protección Civil; augas e medio ambiente; a EDAR de San Cibrao; puntos limpos e plantas de transferencia; limpeza viaria; canceiras; ou parques e xardíns) teñen unha partida de 24,3 millóns de euros. Para protección e promoción social haberá 5,8 millóns, que inclúen a Teleasistencia (320.000 euros), fomento do emprego (1,8), axuda á mocidade (549.000) e á natalidade (325.000).

En sanidade, educación, cultura e deporte a Deputación disporá de algo máis de 10 millóns de euros, distribuídos en liñas xerais do seguinte xeito: algo máis de 1 millón para sanidade (prevención de riscos laborais e termalismo); en educación, 430.995 para a UNED e 220.000 para a Universidade de Vigo; 5,5 millóns para cultura, dos que 1,7 son para o fomento de actividades culturais, recreativas e musicais; e 2.6 millóns para deporte, con algo máis de 1 millón para promoción e fomento desta actividade;

Leer más:   La Xunta refuerza la vacunación: sistema de autocita para infecciones respiratorias

Para o desenvolvemento dos sectores económicos da provincia están consignados 30,2 millóns de euros, dos que 7,1 irán a cooperación provincial en infraestruturas e 15,3 para vías provinciais. Figura ademais unha achega de 70.000 euros para Expourense.

No que respecta aos organismos adscritos á Deputación, o Inorde disporá dun orzamento de 2,3 millóns de euros; o Consorcio provincial contra Incendios e Salvamento 4,3 millóns; e o Consorcio de Augas de Valdeorras disporá de 250.000 euros.

O plan económico complétase con subvencións nominativas por valor de 5,1 millóns de euros para infraestruturas nos concellos; captación, depuración e distribución de auga; eficiencia enerxética; colaboración con outras administracións; proxectos sociais e culturais; infraestruturas deportivas; acción social; turismo; sustentabilidade; e para entidades sen ánimo de lucro.

Modificación de crédito

O expediente de modificación de crédito aprobado esta mañá ten un importe total de 3,4 millóns de euros e só inclúe suplementos de crédito financiados co remanente de tesourería (3,2 millóns) e con transferencias dentro da mesa área de gasto (192.500 euros).

No referido a gastos en investimentos, a cantidade prevista é de 1,8 millóns que serán destinados a promoción do turismo; cooperación provincial con 12 concellos para financiar 24 proxectos; colaboración con outras entidades para catro accións de carácter social; e o xa citado proxecto de colaboración coa Xunta para campos de fútbol. Para gastos correntes destínanse 1,5 millóns de euros que axudarán a financiar actividades culturais con entidades e concellos, ademais doutras accións con asociacións, fundacións, clubs deportivos e empresas, xunto ás mencionadas comunidades enerxéticas.

Cooperación co Concello de Ourense

O pleno tamén aprobou as bases reguladoras do programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense, plan que permitirá cofinanciar no período 2022-2023 un total de oito proxectos valorados en máis de 9,2 millóns de euros. Este programa permitirá ao Concello da capital levar a cabo estes oito proxectos.

O programa establece que a Deputación achegará 8.000 euros, é dicir, 1.000 euros por cada unha das oito obras, fixándose a data límite para a adxudicación e formalización deses contratos o 30 de xuño de 2023. As obras deberán estar rematadas antes do 31 de decembro dese mesmo ano.

Apoio á candidatura de Ourense como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

A corporación apoiou por unanimidade unha declaración institucional a favor da candidatura da cidade de Ourense como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). Na declaración lémbrase que o pleno xa aprobara en maio pasado, e tamén de xeito unánime, instar á Xunta de Galicia a reclamar a sede da AESIA para Ourense, despois de que o goberno autonómico solicitase localizar este organismo estatal na nosa comunidade.

Leer más:   A Deputación colabora coa Facultade de Historia no coñecemento, investigación e posta en valor do patrimonio ourensán

A Universidade de Vigo, continúa o documento, realizou un excelente traballo para definir una candidatura que cumpre con todos os requisitos necesarios, destacando a presenza no campus de Ourense da Escola Superior da Enxeñería e a implantación do grao universitario e o máster en Intelixencia Artificial. “Dúas titulacións clave para a formación de profesionais e que, sen dúbida, favorecerían as sinerxías entre o Campus, a AESIA e a propia sociedade ourensá xunto ao Parque Tecnolóxico de Galicia e novas ferramentas como o futuro Centro de Excelencia e Ciberseguridade de Galicia”.

A instalación en Ourense da AESIA “sería unha panca de primeira magnitude para o tecido socioeconómico ourensán, coa creación dun centenar de empregos directos e, sobre todo, alimentando e potenciando novas oportunidades para o crecemento territorial”.

Seca, patrimonio etnográfico e medalla de ouro para Xosé Cid

No apartado de proposicións aprobáronse tres mocións sobre medidas urxentes fronte á seca, a necesidade de preservar e conservar as presas tradicionais de Galicia, e a medalla de ouro da provincia para o escultor Xosé Cid.

No relativo á seca, a proposta insta á á Xunta de Galicia a crear un fondo extraordinario e urxente para financiar medidas de axuda ás entidades locais para facer fronte aos gastos de subministración de auga potable en situacións de emerxencia por seca. Tamén se insta á Deputación a habilitar unha liña de axuda económica para cofinanciar proxectos de abastecemento de auga nos concellos. A estas peticións incorpóranse tamén as confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro para cooperar en novas captacións de emerxencia, emprazando ás entidades locais a realizar campañas de concienciación entre a veciñanza sobre o uso responsable da auga.

Sobre a necesidade de preservación e conservación das presas tradicionais de Galicia, a moción insta á Deputación a catalogar estas construcións na provincia de Ourense, recuperar as pozas situadas en estradas provinciais e a colaborar na conservación das situadas en vías municipais para a súa posta en valor e uso. Tamén se insta á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a respectar este patrimonio etnográfico galego, habilitando fondos para  labores de conservación. Á Xunta de Galicia pídeselle a declaración de “Lugares de Valor Etnográfico”, a catalogación como Ben de Interese Cultural Inmaterial galego.

Na solicitude da Medalla de Ouro da provincia para o escultor Xosé Cid Menor, a proposta destaca que formou parte dos “artistiñas”, o grupo de creadores ourensáns bautizados con ese nome por Vicente Risco a comezo dos anos 70, e do colectivo “O Volter”, tendo ademais a influencia de Manuel Buciños, hoxe Fillo Predilecto da provincia.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorImpulsamos a adopción de medidas contra a seca na provincia
Artículo siguienteLa Diputación de Ourense da luz verde a sus presupuestos para 2023 gracias al voto de la exdiputada de Cs
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.