Inicio Destacado A Deputación colabora coa 5ª edición da andaina solidaria da Peroxa a...

A Deputación colabora coa 5ª edición da andaina solidaria da Peroxa a favor da Asociación Diabética Auria

Os participantes percorrerán unha ruta circular con ata tres distancias de dificultade media. O custo das inscricións irá destinado á asociación, aínda que tamén se poderán facer achegas como “fila cero” sen participar na camiñada

Ourense, 4 de outubro de 2022.- O concello da Peroxa acollerá o próximo domingo, día 9, unha nova edición da andaina solidaria a favor da Asociación Diabética Auria, iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense. Unha cita que inclúe ata tres percorridos con diferentes distancias para adaptarse ás condicións físicas dos participantes e cun máximo de 400 inscricións.

A 5ª andaina solidaria da Peroxa foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, que estivo acompañado polo alcalde, Manuel Seoane, e o concelleiro José Manuel Rodríguez. Por parte da asociación estiveron presentes a presidenta, Paz Gómez del Valle; a vicepresidenta, Margarita Diéguez; e o vogal Antonio de Oliveira.

A hora de inicio da andaina está prevista para as 9.00 horas do domingo, con saída e chegada na praza do concello. Os participantes percorrerán unha ruta circular que consta de tres trazados: un camiño de 20 quilómetros, outro de 11,5 e un terceiro de 2 quilómetros. Todos eles de dificultade media.

As inscricións, que poden formalizarse no Concello da Peroxa, na asociación ou mesmo na xornada do domingo antes da saída, teñen un custo de 7 euros que irán destinados a Diabética Auria, aínda que tamén se poderán facer achegas como “fila cero” sen participar na camiñada. Os participantes terán avituallamento durante o percorrido, ademais de pinchos e sorteos ao remate.


- Te recomendamos -