Inicio Destacado A Deputación reivindica a tradición do circo en Ourense co apoio á...

A Deputación reivindica a tradición do circo en Ourense co apoio á estrea de “Kochambre”, a nova produción do pallaso internacional Churry Silva

Manuel Baltar destacou na presentación do espectáculo os vínculos da historia de Ourense coa historia de circo, agora de regreso á cidade grazas a “un ourensán excepcional, un creador comprometido desde neno coa profesión, que ten percorrido medio mundo e con éxitos e premios internacionais”

O pallaso, agradecido polo apoio da Deputación, definiu Kochambre como “a historia da miña vida”, unha recompilación dos 40 anos como profesional “pero tamén xogando cos recordos de familia, recuperando números moi antigos cun montón de trastes”

O Teatro Principal acolle o 27 de outubro a estrea dun espectáculo para todos os públicos no que se mesturan o circo, a manipulación de obxectos, clown, pallaso xestual, música, vodevil e farsa

Ourense, 11 de outubro de 2022.- O Teatro Principal de Ourense acollerá o próximo 27 de outubro a estrea de Kochambre, unha nova produción do prestixioso pallaso ourensán Churry Silva, artista internacionalmente recoñecido que regresa á súa cidade para celebrar o 40 aniversario da súa traxectoria profesional no circo, o teatro, a dirección escénica e a produción. O espectáculo circense, que conta co apoio da Deputación, foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o propio Churry Silva, acompañados polo asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

Leer más:   Ana Villarino participa na inauguración da XXIII Feira do Viño de Valdeorras

Manuel Baltar destacou na presentación que “a historia de Ourense é tamén a historia do circo, unha das grandes artes que despois continuaría o Padre Silva en Benposta con Los Muchachos”. Agora, a Deputación reivindica esa historia e tradición circense apoiando o espectáculo “dun home excepcional, un creador comprometido desde neno coa profesión, que ten percorrido medio mundo e con éxitos e premios internacionais”.

Para o presidente do goberno provincial, “Churry Silva é profeta na súa terra e vai dar o mellor de si para todos os públicos”. Manuel Baltar afirmou neste sentido “ser toda unha honra estar ao carón dunha persoa á que esta terra tenlle moito que devolver, por esa identificación con Ourense da que presumiu sempre en todas partes do mundo”.

Agradecido polo apoio da Deputación, o pallaso ourensán definiu o espectáculo Kochambre como “a historia da miña vida, unha recompilación dos anos que botas como profesional, pero tamén xogando cos recordos de familia”. Churry Silva explicou que nesta estrea vai recuperar números moi antigos, “cun montón de trastes que teñen máis de trinta anos, utilizados noutras producións, pero que aínda teñen moito que contar”. O pallaso, “figura que sempre reivindicarei”, expresou a súa ledicia por regresar a Ourense con 60 anos recén cumpridos, cualificando a estrea no Teatro Principal como “un momento moi especial”.

Leer más:   A Deputación destina 255.000 euros á convocatoria de subvencións para proxectos de carácter social

Producido por Ale Hop & Eklecticum Producciones, Kochambre presenta ao público un espectáculo para todos os públicos dunha hora de duración, no que se mesturan disciplinas como o circo, a manipulación de obxectos, clown, pallaso xestual, música, vodevil e farsa.

Un referente no mundo dos pallasos e do circo

Churry Silva (Ourense, 1961) naceu nunha das máis destacadas dinastías circenses de España: Feijoo-Silva. Sobriño do Padre Silva, aos 12 anos iniciou os seus estudos na Escola Internacional de Artes Acrobáticas e Circenses de Benposta. Aos 16 anos entrou a formar parte da compañía oficial do circo de Los Muchachos, compaxinando o seu traballo artístico cos seus estudos en Benposta.

Leer más:   Presentado o Alpinche, o xenial automóbil de Estanislao Reverter que será a imaxe da Ourense ICC Week 2022

A súa ampla formación como artista inclúe o seu paso polo Institut del Teatre de Barcelona ou a escola de Marcel Marceau, mesmo compartindo pista con Charlie Rivel. A principios dos anos 80 instálase en Madrid e crea a compañía Ale Hop. Alí convértense en referente no mundo do circo e do teatro, así como tamén en Europa ao formar parte dun grupo de destacadas compañías españolas que promoven as novas artes de circo.

Director e creador de numerosos espectáculos de teatro imaxinario e circo, foi distinguido co premio do xurado no Festival Internacional de Dirección de Circo de San Petersburgo e co galardón do público, xunto á súa compañía, no Festival Mundial dos Pallasos de Ekaterinburgo, ambos os casos en Rusia. Ademais de colaborar con prestixiosos directores de circo e teatro ten representado as súas producións en xiras por toda España, ademais de diversos países europeos, Oriente Medio, Asia e América.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorOs PGE 2023, as contas máis sociais da historia de Ourense
Artículo siguienteVolve a promoción “Sesións balnearias a 1 euro”, a través das redes sociais dos balnearios
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.