Inicio Destacado A Xunta destina 3,25 M€ en axudas ao asesoramento das explotacións agrícolas...

A Xunta destina 3,25 M€ en axudas ao asesoramento das explotacións agrícolas e gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para o asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), esta convocatoria conta cun investimento total de 3,25 millóns de euros co gallo de axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático.

Así, poderán beneficiarse destas subvencións as entidades privadas recoñecidas ou autorizadas como entidades prestadoras de servizos de asesoramento inscritas no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia e que dean servizo a titulares de explotacións agrarias que estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Serán subvencionables os custos en concepto de honorarios orixinados polos servizos prestados, entre os que se poden incluír os custos de persoal, viaxes, material e gastos de funcionamento.

Nesta liña, as entidades que prestan estes servizos poderán recibir un importe entre os 800 e os 1.000 euros, en función da modalidade de axuda. Así, no caso do servizo de asesoramento básico, para o que se fixa unha achega de 800 euros, cubriranse aspectos como as obrigacións que debe cumprir a explotación, as prácticas agrarias beneficiosas para o clima e o medio ambiente, as medidas incluídas nos programas de desenvolvemento rural destinadas a fomentar a modernización das explotacións, os requisitos para a xestión integrada de pragas, as normas relativas á seguridade laboral relacionadas coa explotación agraria, o asesoramento específico para agricultores que se instalen por primeira vez, a información relacionada coa mitigación do cambio climático ou o asesoramento para o desenvolvemento de cadeas curtas de distribución, a agricultura ecolóxica e os aspectos sanitarios da cría de animais.

Mentres, o asesoramento específico para a xestión de Conta Láctea (a aplicación implementada pola Xunta para permitirlles aos gandeiros calcular os seus custos de produción e reforzar a súa posición negociadora fronte ás industrias) poderá subvencionarse con 1.000 euros. Por último, tamén 1.000 euros é a contía fixada para o servizo de asesoramento básico con plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións.

Os interesados poderán solicitar as axudas no prazo dun mes a contar desde mañá, día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0426-031022-0002_gl.html


- Te recomendamos -