Inicio Destacado Deputación e UVigo cooperan para crear un laboratorio de investigación na Escola...

Deputación e UVigo cooperan para crear un laboratorio de investigación na Escola de Enxeñería Informática

ConvenioDiputacionUvigo 2

A través dun convenio que se enmarca nun proxecto europeo, a institución provincial cederá equipamento á Escola para potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación en eidos como o internet das cousas, buscando favorecer a súa posterior aplicación en pequenas e medianas empresas de contornas menos urbanas e zonas transfronteirizas

Manuel Baltar felicitouse por un acordo que permite demostrar “a nosa especial habilidade para captar fondos europeos”, engadindo que con estes equipos “vanse fortalecer os bos resultados que estamos acostumados a conseguir durante estes anos”

O reitor Manuel Reigosa agradeceu unha colaboración que permitirá consolidar o crecemento dos estudos de Enxeñería Informática, que coa incorporación da intelixencia artificial “será un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia”

Ourense, 31 de marzo de 2022.- A Deputación de Ourense contribuirá a potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación coa cesión de equipamento para a posta en marcha dun laboratorio de experimentación e investigación na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense. Así se reflicte no convenio de colaboración asinado entre o presidente provincial, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no marco dun proxecto sobre novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías, dentro do programa comunitario Interreg, cofinanciado con fondos FEDER e no que ambas institucións actúan como socias xunto con outras entidades.

Leer más:   O Pazo dos Deportes reunirá este fin de semana a máis de 500 deportistas no Campionato de España de Trampolín

Manuel Baltar afirmou que este novo convenio de colaboración “reforza a alianza que sempre mantivemos coa Universidade de Vigo, estando ao carón do noso campus que é o mesmo que dicir ao carón do talento”. O presidente provincial felicitouse por un acordo que permite demostrar “a nosa especial habilidade para captar fondos europeos”, engadindo que co equipamento que se vai ceder á Escola Superior de Enxeñería Informática “estamos seguros de que no futuro se fortalecerán os bos resultados que estamos acostumados a conseguir durante estes anos”.

“Estes equipos que nos achega a Deputación van permitir alcanzar niveis máis altos de calidade no Campus”, destacou pola súa banda Manuel Reigosa, agradecido por unha colaboración que consolidará o proceso de crecemento dos estudos de Enxeñería Informática. Neste sentido anunciou que “o ano que ven imos ter o primeiro curso e o mestrado de intelixencia artificial, que vai ser un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia, tanto a nivel de profesorado como de alumnado, ademais de desenvolver mellor o noso labor docente, investigador e de transferencia”.

Leer más:   O vicepresidente Rosendo Fernández participa na entrega de premios da etapa ourensá da Volta Ciclista a Galicia

Robótica, Smart Lab e Smart City

O convenio asinado entre a Deputación e a Universidade de Vigo ten como finalidade a cesión de equipos para a instalación dun laboratorio de experimentación e prototipado, vinculados ao proxecto “Novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías facilitadoras esenciais”, aprobado no marco da segunda convocatoria do programa Interreg España-Portugal. O equipamento correspóndese con tres aspectos a cubrir neste proxecto: laboratorio de fabricación e robótica; kits de desenvolvemento Smart Lab; e posta en marcha dunha plataforma Smart City.

A principal finalidade do programa é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nas actividades de I+D+I máis próximas ao mercado. O proxecto facilitará que a investigación aplicada relacionada co internet das cousas (especialmente Smart Cities) e a fabricación avanzada, sexan trasladadas ás pequenas e medianas empresas, asentadas en contornas menos urbanas e nos sectores máis relevantes das zonas transfronteirizas, unha cooperación entre rexións que enriquecerá a transferencia tecnolóxica, ao incluír centros de investigación de ámbolos países, e permitirá o acceso a un mercado máis amplo.

Leer más:   O vicepresidente Rosendo Fernández participa na inauguración do Congreso de la Sociedad Española de Hidrología Médica

Alianza da Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo

Este acordo súmase ao potente marco de colaboración existente entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. Ambas institucións teñen unha liña de colaboración anual na que a institución provincial financia actividades no Campus. Un compromiso ampliado a semana pasada coa sinatura dun novo convenio entre Manuel Baltar e Manuel Reigosa, polo que a Deputación tamén se implicará na promoción e fomento das actuacións relativas aos estudos universitarios no Campus, con especial referencia aos estudos do grao de Turismo, a través de bolsas de estudo e unha campaña de publicidade para atraer alumnado a Ourense.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorManuel Baltar sitúa o novo centro de día de Riós como exemplo da cooperación entre administracións
Artículo siguienteA Deputación entregará os premios do concurso Estatuto de Autonomía de Galicia o 6 de abril, no Teatro Principal
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.