Inicio Destacado A Fundación Carlos Velo edita co apoio da Deputación o libro “A...

A Fundación Carlos Velo edita co apoio da Deputación o libro “A caixa do correo”, unha recompilación de 133 cartas persoais do cineasta

Na presentación do volume, a deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais,  Patricia Torres, destacou a colaboración da Deputación coa única fundación de Galicia vinculada ao mundo audiovisual e aliada indispensable coa organización do Festival de Cine de Ourense”

A presidenta da Fundación, Carmen Leyte, afirmou que o principal valor da obra reside na aproximación que se fai a Carlos Velo “dunha maneira máis persoal”

A presidenta de honra e neta de Velo, Laura Gárdos, transcribiu as cartas que pais e fillo intercambiaron entre 1962 e 1973. O proxecto xurdiu “pola necesidade de rescatar e conservar as cartas, nas que se comezaba a notar o paso do tempo”

Ourense, 8 de xullo de 2022.- A caixa do correo é o título do libro editado pola Fundación Carlos Velo, co apoio da Deputación de Ourense, no que se recollen 133 cartas persoais do cineasta de Cartelle, incluído un capítulo especial dedicado á relación epistolar entre pais e fillo, achegando importantes datos a investigadores e estudosos da súa traxectoria cinematográfica. O volume foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presenza da deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres; a presidenta da fundación, Carmen Leyte; a presidenta de honra e neta de Velo, Laura Gárdos; e o vogal Armando González.

Patricia Torres agradeceu á Fundación Carlos Velo a edición dun volume “que contribúe a un maior coñecemento dunha figura nacional e internacional tan relevante no ámbito do cine”. Esta é, dixo, “unha colaboración máis da Deputación coa única fundación de Galicia vinculada ao mundo audiovisual e aliada indispensable coa organización do Festival de Cine de Ourense”, cooperación que enmarcou coa aposta do goberno provincial “pola cultura e as persoas que levaron o nome da nosa terra aló onde foran”.

Cun recoñecemento expreso á Deputación, “sempre apoiando á nosa fundación”, Carmen Leyte afirmou que o principal valor desta obra reside na aproximación que se fai a Carlos Velo desde unha vertente máis privada, “pois fronte aos numerosos traballos sobre a súa carreira cinematográfica este libro achéganos á vida de Carlos Velo dunha maneira máis persoal”. A presidenta da fundación insistiu na contribución que fai este volume “ao traballo de estudosos e investigadores”, agradecendo a Laura Gárdos a dozaón das cartas do seu avó e o complexo traballo de transcrición das mesmas.

Unha historia narrada a través de cartas

Pola súa banda, Laura Gárdos explicou que este proxecto xurdiu “pola necesidade de rescatar e conservar as cartas de Velo, nas que se comezaba a notar o paso do tempo, polo que dalgunha maneira poderían perderse se non se dixitalizaban”. Así foi tomando forma a idea de “facer unha testemuña publicada, unha liña histórica narrada a través das cartas”, engadiu a neta do cineasta, que optou só por transcribir a relación epistolar entre pais e fillo, “o que nos permite comparar os diferentes ritmos de vida entre un pobo e unha gran cidade, como viven a distancia familiar e os efectos que na relación ten o discorrer do tempo”.

Armando González, vogal da fundación, detallou o contido “dun libro documental que non foi doado de facer” e que podería ter novas edicións, “pois xusto tras rematalo apareceron máis documentos”. A Caixa do correo recolle 133 cartas escritas por Carlos Velo ou dirixidas ao cineasta ourensán, incluíndo unha segunda obra, Os Velos de Carlos Velo, que transcribe as comunicacións que desde 1962 e ata 1973 mantiveron pais e fillo, cando este xa estaba instalado en México.

O traballo de investigación incluíu unha análise estatística para facilitar o traballo aos investigadores, clasificando as cartas a través de variables como o idioma no que estaban escritas, orixe, destino, remitente, destinatario, se eran manuscritas, feitas a máquina, ou as datas. Toda unha serie de factores que poderían axudar a clarificar algunhas eivas na vida de Carlos Velo cando se descoñecía onde podía estar antes de instalarse en México.

Carlos Velo (Cartelle, 1909-México, D.F., 1988), é unha figura clave do cinema en México onde se exiliou como consecuencia da Guerra Civil. É autor de preto de corenta curtametraxes, longametraxes e documentais, sendo considerado nesta última modalidade como o máximo representante en Galicia.


- Te recomendamos -