Inicio Destacado A Deputación adhírese aos seis Grupos de Desenvolvemento Rural da provincia achegando...

A Deputación adhírese aos seis Grupos de Desenvolvemento Rural da provincia achegando apoio técnico, xurídico e económico

O pleno, na sesión ordinaria de xullo, acordou á integración nas asembleas dos GDR, converténdose a Deputación na primeira institución provincial galega en formar parte como socia de todos os grupos existentes no territorio: Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil-Bibei-Navea e Valdeorras

A corporación provincial aprobou unha declaración institucional na que se solicita a designación como “zona afectada gravemente por emerxencia de protección civil” para os espazos destruídos polos incendios forestais rexistrados desde o pasado 14 de xullo na comunidade galega

Aceptáronse senllas propostas sobre a mellora das estradas provinciais nas comarcas do oriente ourensán, ademais da aposta por un transporte público terrestre de viaxeiros axeitado ás necesidades de Galicia

Ourense, 29 de xullo de 2022.- O pleno da Deputación, reunido esta mañá na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a adhesión da Deputación aos seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da provincia de Ourense, converténdose así na primeira institución provincial galega en integrarse como socia nas asembleas de todos os grupos existentes no seu territorio: Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil-Bibei-Navea e Valdeorras.

A iniciativa é o resultado dunha proposta aprobada por unanimidade no último debate sobre o estado da provincia, celebrado o 16 de novembro de 2021, e ampliada con posterioridade polo presidente do goberno provincial mediante a apertura dunha liña de colaboración económica. Así, e xunto coa posta a disposición dos servizos técnicos e xurídicos da Deputación, os seis GDR recibirán este ano unha achega de 60.000 euros, 10.000 para cada un dos grupos, segundo consta na modificación de crédito aprobada no pleno do pasado abril.

Os GDR teñen como principal función xestionar fondos europeos para desenvolver programas de dinamización local, contando para este fin coa colaboración de organismos públicos e colectivos de representación empresarial, social e veciñal nos territorios que abarca cada grupo.

O pleno tamén aprobou unha declaración institucional na que se solicita a designación como “zona afectada gravemente por emerxencia de protección civil” para os espazos destruídos polos incendios forestais rexistrados desde o pasado 14 de xullo na comunidade galega.

Os grupos políticos representados na corporación provincial reclaman ao Goberno que inicie o procedemento para esta declaración de emerxencia, contemplada na lei 17/2015, “pola grande extensión do terreo calcinado e as vivendas destruídas”. Tamén se reclama a aprobación das medidas que establece a citada lei, entre as que figuran axudas económicas a particulares, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social.

Modificacións de crédito

Na orde do día figuraban dúas modificacións de crédito correspondentes aos orzamentos xerais da Deputación e do Inorde. Polo que respecta á Deputación, o expediente inclúe seis modificacións no presuposto vixente, todas elas de carácter cualitativo en tanto só pedíase o cambio de finalidade das respectivas subvencións. Cinco dos cambios corresponden a solicitudes dos concellos da Peroxa, A Rúa, Riós e Bande, neste caso con dúas peticións, e o sexto expediente á Asociación de Cabalistas O Mundil.

Leer más:   A Deputación impulsará os estudos universitarios de Turismo no Campus de Ourense

No tocante ao Inorde, a modificación de crédito tiña como obxectivo especificar as contías e beneficiarios de dúas subvencións nominativas por un importe total de 25.000. A primeira delas para o Concello de Parada de Sil, por valor de 10.000 euros, con destino a un autobús lanzadeira ao mosteiro de Santa Cristina. A outra axuda ten como destinatario o Concello da Veiga, con 15.000 euros para a II Exposición gandeira e agrícola de Trevinca.

O capítulo económico complétase coa aprobación da Conta Xeral da Deputación de Ourense e dos seus órganos asociados -Inorde; Consorcio provincial do servizo contra incendios e de salvamento; e Consorcio de Augas de Valdeorras- correspondente ao ano 2021, trámite que quedara aprazado no pasado pleno de xuño.

Estradas provinciais e transporte público

No apartado de proposicións, a corporación aprobou senllas mocións referidas ás comunicacións por estrada e o transporte público. Por unha banda aceptouse unha proposta sobre a mellora das estradas provinciais nas comarcas do oriente ourensán, tanto na zona de Valdeorras como de Viana, Trives e Manzaneda. Nesta iniciativa ínstase á Deputación a executar o proxecto da estrada de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, así como a elaborar unha análise técnica de necesidades das vías de titularidade provincial para, con posterioridade, redactar e aprobar de xeito consensuado un plan de investimentos.

Na moción sobre o transporte público pídese ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que na futura Lei de Mobilidade Sostible figure de modo explícito a aposta polo transporte público de viaxeiros, axeitado ás necesidades de Galicia. Solicítase tamén que se manteñan as actuais liñas por estrada e as súas paradas, ademais de realizar un estudo de novas rutas, transferindo á Xunta de Galicia a xestión das paradas e a adaptación das frecuencias en territorio galego.

Sobre o ferrocarril, a proposta pide a recuperacións de horarios nas comunicacións coa Coruña, a mellora de infraestruturas, a recuperación das estacións da Rúa-Petín e O Barco de Valdeorras, conexións eficientes en horarios e frecuencias con esta comarca, a conexión nocturna con Barcelona e a execución da variante sur que unirá o corredor atlántico galego con Portugal desde Tui.

 

A totalidade dos asuntos aprobados, seguindo a orde do día, foron os seguintes:

Declaración institucional sobre os incendios forestais

1º.- Reclamar ao Goberno do Estado que se inicie o procedemento de declaración das zonas afectadas polos incendios de Galicia como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil pola grande extensión do terreo calcinado e as vivendas destruídas, en aplicación do contemplado no artigo 23 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do sistema nacional de protección civil, que indica no seu punto 1 que: “a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil prevista nesta lei efectuarase por acordo do Consello de Ministros a proposta dos ministros de Facenda e Interior e, no seu caso, dos titulares dos demais ministerios concernidos e incluirá, en todo caso, a delimitación da área afectada. A devandita declaración poderá ser solicitada polas administracións públicas interesadas”.

Leer más:   O presidente da Deputación reúnese co alcalde de Parada de Sil

2º.- Reclamar ao Goberno do Estado que, para tal obxecto, aprobe as medias contempladas no artigo 24 da devandita lei, que comprende axudas económicas a particulares, así como medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social.

Conta xeral de 2021

Aprobación da Conta Xeral da Deputación Provincial de Ourense, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, do Consorcio Provincial do Servizo Contra Incendios e Salvamento e do Consorcio de Augas de Valdeorras correspondente ao exercicio 2021.

Modificacións orzamentarias

Aprobación da modificación da base 5ª das de execución do orzamento do INORDE para o exercicio 2022,

Aprobación inicial do expediente de modificación de créditos n.º 5/2022, do orzamento da Deputación de Ourense, no que se refire á especificación dos capítulos IV e VII de gastos. 

Adhesión aos GDR

Adhesión da Deputación de Ourense aos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil-Bibei-Navea e Valdeorras.

Estradas provinciais

1º. Instar á Deputación Provincial de Ourense a executar o proxecto da estrada de San Vicente de Leira en Vilamartín de Valdeorras.

2º. Instar á Deputación Provincial de Ourense a mellorar canto antes, o resto de estradas con deficiencias da súa titularidade localizadas nas comarcas do oriente ourensá, tanto na zona de Valdeorras, como en Viana, Trives ou Manzaneda.

3º. Instar á Deputación Provincial de Ourense a elaborar unha análise técnica de necesidades das vías de titularidade provincial e, posteriormente, a redactar e aprobar consensuadamente un plan de investimentos equitativo, que permita solucionar as reiteradas carencias destas estradas.

Transporte público

1º. Instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que en atención ao articulado do propio Anteproxecto da Lei de Mobilidade Sostíbel, debe recollerse con carácter previo á supresión das 23 paradas prevista no NMC, as solucións de mobilidade sostible, pública e de calidade para os habitantes destes e do resto dos concellos galegos especialmente os dos entornos rurais, e os seus visitantes.

2º. Instar ao Goberno do Estado e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao mantemento das liñas de transporte público por estrada del dependentes actualmente e as súas paradas, e ó estudo de novas rutas pola súa banda e pola da Xunta de Galicia complementarias coas mesmas. Que permitan a mellora da mobilidade en medios de transporte público comunitarios para os veciños e veciñas

3º. Instar ao Goberno do Estado a que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na futura “Lei de Mobilidade Sostíbel” explicite claramente a aposta polo transporte público de viaxeiros, adecuado ás necesidades de Galicia.

Leer más:   Manuel Baltar ofrece o apoio da Deputación ao sector da construción para desenvolver proxectos innovadores a través do novo Centro da FP

4º. Instar ao Goberno do Estado á transferencia á Xunta de Galicia da xestión das paradas e adaptación das frecuencias en territorio galego.

5º. Demandar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o mantemento das liñas de transporte e as súas frecuencias nas condicións en que se prestaban antes da recente aprobación do “Plan de Trasporte Público de Galicia”. Ou a dar solucións alternativas os usuarios que as estaban a empregar nas mesmas condicións de frecuencias e costes.

6º. Instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a recuperar o tren das 6:45 entre Ourense e A Coruña, que aínda non foi recuperado e continúa xerando graves consecuencia ao estudantado e traballadores e cuxas consecuencias en cuestión de cohesión territorial e social xa estamos a padecer.

7º. Instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a priorizar as demandas das declaracións institucionais da Deputación de Ourense do mes de outubro “sobre a problemática do ferrocarril na provincia de Ourense” e a declaración institucional “en defensa do ferrocarril público e social” nas que se demanda a recuperación de frecuencias, persoal, melloras de infraestruturas e a promoción trens de proximidade, así como a recuperación de estacións para ofertar un servizo público digno e de calidade aos cidadáns e articular o noso territorio.

8º. Instar á Xunta de Galicia a que asuma todas as competencias en materia de ferrocarril interior e ó Estado a realizar a dotación orzamentaria precisa para elo, tal como se fixo en outros territorios do Estado. Para elo instamos a creación dunha operadora ferroviaria pública galega “Galtren” a través da cal pór en marcha un servizo de trens de cercanías, recuperando as liñas abandonadas, mantendo e aumentando liñas, frecuencias e paradas, e creando novos apeadeiros en zonas de crecemento poboacional.

9º. Instar ao goberno do Estado á recuperación inmediata das estacións de ferrocarril da Rúa/Petín e o Barco de Valdeorras e atención presencial en ambas estacións

10º. Instar ao Mitma á posta en marcha dunha liña que comunique Valdeorras con Ourense en horarios e frecuencias que permitan unha conexión eficiente e uns desprazamentos en horarios e prezos axeitados para o acceso das e dos valdeorreses á capital provincial e ao conxunto do país.

11º. Instar ao Mitma á recuperación do Alvia nocturno que conectaba con Barcelona así como do resto de frecuencias e traxectos eliminados de xeito paulatino nos últimos 10 anos.

12º. Instar a que se execute a variante sur de Vigo que unirá o corredor atlántico galego con Portugal dende Tui. E á mellora da liña do Miño para que Ribadavia poida manter a súa estación e dar servizo ao Ribeiro e comarcas veciñas tanto en servizos de proximidade, coma en mercadorías e liñas de media distancia.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorA Deputación entrega dez gaitas elaboradas polo Obradoiro de instrumentos
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Ourense, 30 de julio de 2022
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.