Inicio Destacado Profesionais e cidadáns achegáronse á Intelixencia Artificial e á tecnoloxía no rural...

Profesionais e cidadáns achegáronse á Intelixencia Artificial e á tecnoloxía no rural na segunda xornada da Mobile Week Ourense

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia e a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleron as propostas do día relacionadas co sector agrícola, a auga, a sustentabilidade das empresas de agroalimentación ou aplicacións para prever as enfermidades do viñedo

No Centro Cultural Marcos Valcárcel falouse da comunicación en Instagram, coa influencer ourensá Carla Gabián, e de música coa coñecida DJ e produtora ourensá Cora Novoa

Os concellos de Muíños e Taboadela acolleron senllos talleres para maiores nos que se profundou sobre a seguridade en internet, contando para elo coa presenza de especialistas da Garda Civil

Ourense, 16 de setembro de 2022.- A Intelixencia Artificial (IA) e a tecnoloxía aplicada ao ámbito agrícola protagonizaron hoxe a segunda xornada da Mobile Week Ourense 2022, cuxa programación tivo un marcado carácter profesional sen deixar de lado as actividades deseñadas para achegar o mundo dixital á cidadanía.

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia e a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleron as propostas do día relacionadas co sector da agroalimentación e maila auga. Os relatores, Antonio Saínz e Leticia Rodríguez, e os representantes do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC, e de Viaqua falaron da dixitalización do rego para optimizar os recursos e aumentar a produtividade, do proxecto Guardian para a loita contra incendios, as solucións ambientais para empresas e a capacidade da auga para transformar adaptar o territorio aos efectos do cambio climático a través da dixitalización.

Na sede dos empresarios ourensáns, Deputación de Ourense, Inorde e CEO lanzaron a primeira edición dun programa pioneiro para o impulso da sustentabilidade en empresas do sector agroalimentario, contando coa dirección académica de CEOE Campus. Na xornada abordouse o desenvolvemento de avances normativos e a crecente demanda de empresas máis sostibles, o que supón cambios necesarios en aspectos como o envasado, o desperdicio alimentario, os residuos ou a enerxía. Unha necesidade de cambio que implica un gran esforzo, pero tamén unha oportunidade de traducilo en rendibilidade.

Tamén na CEO celebrouse a presentación da AppFitovit, unha iniciativa da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para prever episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas.

Máis e mellores servizos para o cidadán

Durante a mañá, no salón de actos da Escola Superior de Enxeñería Informática buscáronse respostas aos retos que deben afrontar as administracións públicas coa aplicación da Intelixencia Artificial. O relator desta conferencia, Albert Mayol, head of Data Driven Transformation para Europa de NTT DATA, explicou que o sector privado adoptou mellor a IA “para coñecer ben aos seus clientes”, mentres que as administracións “deben empregar todas estas novas tecnoloxías para coñecer mellor ao cidadán e prestar máis e mellores servizos”.

A xornada de tarde, que incluíu novas sesións cos simuladores de condución, o escenario de Clash Royale ou a gamificación con realidade aumentada, continuou no Marcos Valcárcel cunha charla sobre a comunicación en Instagram, impartida pola influencer ourensá Carla Gabián, que posúe preto de 70.000 seguidores nesta rede social, aínda que sobre todo é recoñecida polas preto de 400.000 persoas que lle seguen en Tik Tok. A música pechou as actividades no centro cultural coa presenza da DJ Cora Novoa, compositora de música electrónica, fundadora do selo discográfico Seeking the Velvet e colaboradora en programas de radio, entre outras facetas.

Cumprindo cun dos obxectivos desta Mobile como é a deslocalización das actividades, os concellos de Muíños e Taboadela acolleron senllos talleres para maiores nos que se profundou sobre a seguridade en internet, contando para elo coa presenza de especialistas da Garda Civil.

Programación da terceira xornada da Mobile Week Ourense

Mañá sábado, o Centro Cultural Marcos Valcárcel será de novo o escenario principal da terceira xornada da Mobile Week Ourense, cun particular protagonismo para a Intelixencia Artificial que centrará varias das actividades programadas, entre elas a aplicación da IA ao turismo ou unha exposición internacional de Abanca en torno a este sistema. Tamén se falara do metaverso, como  tecnoloxía que permite interaccionar de modo multisensorial en entornos virtuais ou a animación 3D.

Outras actividades do sábado desenvolveranse na sede da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou) coa búsqueda dun tesouro tecnolóxico; na praza do Bispo Cesáreo haberá exercicios de orientación coa aplicación Tric Track; gamificación con realidade aumentada nos xardíns do Padre Feijóo; e no Irixo un taller para maiores sobre ferramentas móbiles.


- Te recomendamos -