Inicio Destacado Manuel Baltar: “Os participantes no Congreso Internacional de Turismo Termal saberán que...

Manuel Baltar: “Os participantes no Congreso Internacional de Turismo Termal saberán que Ourense ten respostas aos retos do termalismo”

Do 27 ao 29 de setembro a cidade ourensá converterase, “por dereito propio”, en capital mundial do termalismo cun encontro organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e co aval da Organización Mundial do Turismo (OMT) e mailo apoio da Xunta de Galicia

O presidente da Deputación e da EHTTA fai un chamamento á sociedade ourensá “para que sexa consciente deste importante momento”. Subliña que imos mostrar “un dos nosos aspectos identitarios máis importantes: ser o territorio con maiores posibilidades termais de Europa”

Desde a organización, a xerente do Inorde, Emma González, adianta a presenza de 250 profesionais e 35 relatores procedentes de 22 países dos cinco continentes, que participarán en tres grandes paneis: patrimonio, turismo e experiencias. “Todo baixo o fío condutor de destinos termais sustentables para o futuro”

A cita internacional terá como principais escenarios o claustro de San Francisco; o Teatro Principal; o Pazo Provincial, onde se presentará o proxecto do futuro hotel balneario Auria; Expourense, con motivo da celebración de Termatalia; e as termas de Outariz

Ourense, 25 de setembro de 2022.- A Deputación de Ourense ultima os preparativos para a celebración do Congreso Internacional de Turismo Termal, que do 27 ao 29 de setembro reunirá en distintos escenarios da capital ourensá a 250 profesionais e 35 relatores para abordar o futuro dos destinos termais sostibles. Un encontro do máis alto nivel organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e co aval da Organización Mundial do Turismo (OMT) e mailo apoio da Xunta de Galicia. Toda unha oportunidade para que expertos de todo o mundo “saiban que Ourense ten respostas para moitos dos retos aos que hoxe ten que facer fronte o termalismo”, asegura o presidente da Deputación e da EHTTA, Manuel Baltar.

Este congreso, destaca Manuel Baltar, permitirá mostrar “un dos nosos aspectos identitarios máis importantes: ser o territorio con maiores posibilidades termais de Europa”. Unha razón de peso “para liderar unha asociación como a EHTTA, que agrupa aos 51 sitios termais máis importantes de 18 nacións europeas”. Así, entre as respostas que Ourense poderá ofrecer ao mundo termal figura “a presentación do proxecto do hotel balneario Auria, que se construirá no Pazo Provincial e que está chamado a ser un emblema do termalismo nacional e europeo”.

Seguro do éxito deste congreso internacional, “do que estou a constatar moitas expectativas”, Manuel Baltar fai un chamamento á sociedade ourensá “para que sexa consciente deste importante momento, que abre unha nova fiestra pola que amosar a nosa gran capacidade organizativa de eventos, non só de carácter nacional senón tamén internacional, e aí están neste mes de setembro a Mobile Week Ourense, agora o Festival Internacional de Cine e tamén nesta semana Termatalia”.

Durante tres días, engade o presidente da Deputación e da EHTTA, Ourense e Galicia converteranse, “por dereito propio”, na capital mundial do termalismo, “grazas ao gran traballo desenvolvido desde a asociación de cidades termais, o Inorde e a propia Deputación”, deseñando un intenso programa de actividades coa presenza de reputados expertos e profesionais que participarán de modo presencial e telemático.

Destinos termais sustentables para o futuro

A xerente do Inorde, Emma González, súmase ao chamamento á sociedade ourensá para significar que este congreso “é un paso moi importante para capitalizar na provincia o intenso traballo promovido por Manuel Baltar a través das redes internacionais que preside e das que participa, en particular nun ano excepcional para Ourense marcado pola chegada do AVE e o Xacobeo”.

Emma González subliña a presenza de 35 relatores dos cinco continentes que participarán nos tres paneis nos que se divide o encontro: patrimonio, turismo e experiencias, “todo baixo o fío condutor dos retos, boas prácticas e oportunidades para desenvolver destinos termais sostibles”. Neste sentido sinala que non só para a Unión Europea, senón tamén para a OMT “a sostibilidade e a dixitalización son dous elementos esenciais, que tamén están presentes nas accións que promoven a Deputación e mailo Inorde”.

Representantes do Consello de Europa e da Comisión Europea de Viaxes

Os paneis inclúen xornadas complementarias con talleres “de altísimo nivel profesional onde, por exemplo, a subdirectora de Fondos Europeos do Goberno central orientará aos destinos turísticos sobre as claves para presentar as súas candidaturas”. Ademais, engade a xerente do Inorde, participarán representantes do Consello de Europa que certifica os itinerarios culturais, “onde precisamente as cidades históricas termais teñen recoñecida a súa propia ruta”.

Tamén estarán en Ourense membros da Comisión Europea de Viaxes, que nestes días xa se atopan en territorio ourensán nunha viaxe de familiarización con operadores do Canadá e dos Estados Unidos “para coñecer o noso potencial termal”.

No transcurso do congreso, engade, haberá momentos “especiais”, como a conferencia inaugural que correrá a cargo do alcalde da cidade termal ucraína deTruskavets, que ingresou na EHTTA por un período de dous anos para apoiar a súa conexión co resto das cidades termais de Europa.

A cita internacional terá como principais escenarios o claustro de San Francisco; o Teatro Principal; o Pazo Provincial, onde se presentará o proxecto do hotel balneario Auria ante os 250 profesionais chegados de 22 países; Expourense, con motivo da celebración de Termatalia; ou as termas de Outariz “onde Ourense e a provincia quedarán vinculados ao movemento internacional coñecido como “Adictos ao albornoz”, unha estratexia de mercadotecnia impulsada desde Francia que busca empatizar cos novos usuarios dos balnearios.

Toda a información e detalles do congreso poden consultarse en thethermalcongress.com


- Te recomendamos -