Inicio Destacado Recoñecemento ás Bolsas “Erasmus Rural” da Deputación de Ourense no ámbito da...

Recoñecemento ás Bolsas “Erasmus Rural” da Deputación de Ourense no ámbito da cooperación europea

A actuación foi preseleccionada polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), sendo destacada coma “unha das tres iniciativas transfronteirizas con impacto na mocidade”, o que supón un importante aval ao proxecto Raia Termal

Ourense, 6 de outubro de 2022.- As Bolsas “Erasmus Rural” da Deputación de Ourense acaban de ser recoñecidas no ámbito da cooperación europea. Esta actuación foi preseleccionada polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), sendo definida coma “unha das tres iniciativas transfronteirizas con impacto na mocidade”, o que supón un importante recoñecemento ao proxecto Raia Termal.

Esta semana o Secretariado Conxunto de POCTEP trasladaba á Deputación de Ourense a felicitación polo recoñecemento logrado e comunicáballe que en breve fixará a data da entrega de premios.

Estas bolsas para mozos titulados, tanto no ámbito universitario como no da formación profesional,  foi unha actuación desenvolvida pola área de Benestar da Deputación de Ourense no marco do Proxecto Raia Termal aprobado por POCTEP.

A iniciativa foi presentada este ano á convocatoria de premios activada por POCTEP, que invitou a que todos os proxectos transfronteirizos INTERREG financiados por fondos comunitarios durante o período 2014-2020 presentasen accións dirixidas a mozos -o 2022 é o Ano Europeo da Mocidade, polo que as actividades de POCTEP teñen como lema europeo común “Youth for cooperation-.

O Proxecto Raia Termal, a valorización dos recursos termais

O ámbito territorial de actuación do proxecto Raia Termal está relacionado cos recursos mineromedicinais de Cortegada, Melgaço, Lobios, Bande, Muíños e Terras do Bouro. O obxectivo xeral de Raia Termal é o de protexer, recuperar e poñer en valor turístico os recursos naturais ligados ao patrimonio termal transfronteirizo.

No marco deste obxectivo incluíuse unha actuación para involucrar aos mozos como actores do proxecto: as Bolsas Interreg Erasmus Rural. Estas bolsas deseñáronse coma un plan piloto de bolsas profesionais en pequenos municipios rurais transfronteirizos. Unha actuación que posibilitou que mozos recentemente titulados tivesen unha experiencia profesional, sentindo a iniciativa transfronteiriza como propia e dando visibilidade á mesma fronte a turistas e poboación residente do ámbito transfronteirizo.

Incorporáronse profesionalmente ao proxecto 20 mozos a través de bolsas de 1.200 euros mensuais. No futuro os socios do proxecto poderán implementar novos programas de bolsas no marco do cofinanciamento de fondos europeos grazas á experiencia adquirida a través do Plan Piloto.

A Deputación de Ourense traballa xa na continuidade das bolsas para o período 2021-2027

Segundo resaltan dende a área de Benestar da Deputación, o aval logrado co recoñecemento por parte de POCTEP ao programa piloto de bolsas é un argumento máis para dar continuidade nos próximos anos ao modelo de bolsas transfronteirizas e incluílo nas actuacións para presentar en futuras convocatorias de fondos comunitarios.

Neste sentido, a Comisión Europea aprobou, o 22 de agosto de 2022, o Programa Interreg 2021- 2027. O futuro programa articularase en prioridades que responden a catro Obxectivos Políticos (OP) máis un obxectivo específico Interreg, para os que se estableceron diferentes tipos de accións que poderán financiarse en cada obxectivo.

Benestar xa traballa na planificación de proxectos a presentar ás diferentes convocatorias que se esperan a partir xa do presente exercicio e durante todo o novo período de programación de fondos.


- Te recomendamos -