Inicio Destacado Presentamos unha iniciativa para honrar o legado do alcalde de Ourense represaliado...

Presentamos unha iniciativa para honrar o legado do alcalde de Ourense represaliado Manuel Suárez Castro

O PSDEG-PSOE PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA QUE A RÚA SITUADA ENTRE A ALAMEDA E A PRAZA DE ABASTOS NÚMERO 1 RECIBA O NOME DO ALCALDE SOCIALISTA FUSILADO, MANUEL SUÁREZ CASTRO

Esixen “saldar unha débeda histórica” e dar cumprimento a un acordo plenario de 2004 polo cal se instaba ao goberno local a honrar a figura do rexedor mártir dedicándolle unha rúa céntrica da cidade

Reclaman o legado do alcalde represaliado, cuxo fundamental papel na construción da praza de abastos redundou nunha obra que contribuíu a “xerar riqueza e prosperidade para a cidade”

Ourense, 31 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no pleno municipal deste venres para reclamar que o Concello de Ourense dea cumprimento dunha moción socialista aprobada na sesión plenaria do 9 de xaneiro do ano 2004 para dedicar unha rúa céntrica da cidade na honra do alcalde socialista fusilado no ano 1937, Manuel Suárez Castro. A través desta iniciativa, as e os socialistas propoñen que a rúa situada entre a Alameda e a Praza de Abastos número 1 –actualmente rúa Tras Alameda– reciba o nome de ‘rúa Praza de Abastos Manuel Suárez Castro’, materializando así o acordo adoptado pola corporación hai case 19 anos e saldando “unha débeda histórica que require do acordo político para poder concretarse”.

Leer más:   Esiximos á Xunta elixir Ourense para acoller a Axencia de IA co fin de loitar contra o brutal despoboamento

“Este venres, a cidade de Ourense será un pouco mellor porque seguirá a pagar unha débeda insaldable con Manuel Suárez Castro, o alcalde que foi asasinado o 27 de xullo de 1937, no abrente dese día” destacou o voceiro socialista, Rafa Villarino, quen reivindicou a figura de Suárez como “unha persoa que se comprometeu coa cidade fronte a uns sublevados que só tiñan un obxectivo: impoñer un réxime ditatorial que acabou cos soños de moitas persoas”.

No texto da moción, as e os socialistas destacan e reclaman o legado do alcalde represaliado, cuxo papel na construción da praza de abastos redundou nunha obra que “contribuíu a dinamizar o comercio e xerou riqueza e prosperidade para a cidade”.

De esquerda a dereita: Xosé Rúas, Rosa Martínez, Rafa Villarino, Natalia González e Borja Trigás, fronte á Praza de Abastos, número 1.

Xunto coa súa participación no impulso do mercado, destacan tamén o compromiso de Suárez coas persoas anciás e coas nenas e nenos orfos, ou as axudas ás organizacións relixiosas, “que tamén lle deu á escola laica neutral”. Neste sentido, dende o grupo socialista reivindican o carácter “integrador” a nivel político do homenaxeado, que “nunca fixo diferenzas entre persoas de distintas ideoloxías” e foi “un alcalde de todas e todos, sen excepcións”.

Leer más:   Baltar empobrece e crea desigualdades en Ourense cun reparto de fondos caciquil e a dedo

Ao entender do grupo socialista, con esta acción “cumpriríase o acordo estipulado no plenario de xaneiro de 2004, reflectindo, en último termo, o consenso municipal sobre a valía dunha icona que transcende as siglas políticas, erixíndose en símbolo inmorredoiro da concordia, a humildade, o esforzo e o altruísmo, a busca do progreso, o sacrificio e a entrega máxima que identifican as persoas exemplares”.

O grupo socialista tamén tivo palabras de lembranza para a familia do homenaxeado, a quen estendeu un convite para acompañalos nesta sesión.  “Isto é un acto de xustiza, un acto na honra da democracia e de todas aquelas persoas que sufriron represión por defender nin máis nin menos o que hoxe supón a democracia”, concluíu Villarino.

Manuel Suárez

Último alcalde republicano de Ourense en 1936 e primeiro socialista. O seu traballo pola mellora da cidade ourensá comezou moito antes, primeiro como concelleiro e máis tarde como vicepresidente da Deputación. Instou á convivencia pacífica e á solidariedade.

Leer más:   Os PGE 2023, as contas máis sociais da historia de Ourense

Nado nunha familia moi humilde, foi un mozo autodidacta ávido de coñecemento, un traballador implicado na mellora das infraestruturas e das condicións de vida, particularmente daquelas persoas máis necesitadas. Foi un político que tratou de conciliar –tanto na capital coma na deputación provincial– as distintas sensibilidades  sociais, respectando, sen prexuízos, a quen non compartía os seus mesmos principios.

A súa carreira política foi de gran relevancia dentro do PSOE e do sindicato UGT de Ourense, converténdose na figura máis relevante do socialismo ourensán. A súa traxectoria política estivo ligada á defensa dos dereitos dos traballadores, á loita contra o caciquismo e ao progreso económico, social e democrático da cidade ata o 1937, ano no que foi fusilado, despois de permanecer oculto durante un tempo.

Foi nomeado fillo predilecto e preceptor da Medalla de Ouro da cidade no 2009, durante o anterior goberno socialista, ao cumprírense 72 anos da súa morte.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorA Deputación colaborará co músico ourensán Víctor Prieto no regreso, en 2023, das súas clases maxistrais internacionais de acordeón
Artículo siguienteA Deputación colabora na celebración da tradicional Festa do Porco ó Espeto da Merca
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.