Inicio Destacado Os socialistas de Leiro critican as mentiras, manipulacións e a nefasta xestión...

Os socialistas de Leiro critican as mentiras, manipulacións e a nefasta xestión do PP na loita contra o arsénico na auga

O PSDEG-PSOE DE LEIRO ACUSA AO ALCALDE DO PP DE TAPAR CON “MENTIRAS” E “MANIPULACIÓNS” A SÚA “NEFASTA” XESTIÓN E DE TRATAR DE “OCULTAR” A VERDADE SOBRE O ARSÉNICO NA AUGA

Consideran que o alcalde “leva moitos anos vendendo a bombo e platillo o éxito da resolución duns problemas que eles mesmos xeran pola súa mala xestión dos recursos públicos e a irresponsabilidade”

Manuel Rodríguez sinala que para garantir a potabilidade da auga nos núcleos de poboación de autoxestión, “o concello debe esixir a realización de analíticas de auga e o seu control periódico”

Ourense, 5 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Leiro acusa ao alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, de tapar con “mentiras” e “manipulacións” a súa “nefasta” xestión ao fronte do Concello para tratar de “ocultar” a verdade sobre a presencia de arsénico na auga do núcleo de poboación de Serantes. Os socialistas destacan como positivo os investimentos de 47.000 euros que a Xunta vai a realizar para solucionar esta problemática, pero consideran que “isto só ven a demostrar que a pésima xestión do alcalde cóstanos milleiros de euros públicos os veciños e veciñas de Leiro”.

Dende a Agrupación Socialista de Leiro consideran que o alcalde e o seu equipo de goberno “levan moitos anos vendendo a bombo e platillo nos medios de comunicación o éxito da resolución duns problemas que eles mesmos están a xerar pola súa mala xestión dos recursos públicos e a irresponsabilidade que demostran a hora de tomar decisións”. Neste senso, os e as socialistas apuntan a que os problemas co arsénico en Serantes “son unha proba máis de que o PP de Leiro gobernan para eles e os seus acólitos e non tratan de mellorar o benestar e coidar a saúde da veciñanza.

Dende o PSOE de Leiro lembran que a lexislación vixente establece que “son os concellos os que teñen a obriga de garantir a saúde e o benestar da veciñanza e para elo deberán, entre outras cuestións, garantir a salubridade da auga doméstica que consume a súa veciñanza, ben sexa a subministrada e abastecida polo concello como a auto xestionada por núcleos de poboación de máis de 50 veciños e veciñas”. Con respecto a esta problemática, o voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, considera que o rexedor do PP “non fixo os deberes en tempo e forma e pretende agora colgarse a medalla tras meses mirando para outro lado”.

Rodríguez Vázquez sinala que para garantir a potabilidade da auga nos núcleos de poboación que se auto xestionan, “o concello debe esixir a realización das correspondentes analíticas de auga e depositalas para o seu control periódico”. O concelleiro socialista tamén lembra que en 2021, a veciñanza de Serantes “decidiu pasar a xestión do servizo de auga a mans do Concello e esta é a razón pola que o goberno municipal descobre despois de máis de 30 anos e tralas primeiras analíticas oficiais que o arsénico está presente na auga”.

Os e as socialistas afirman que o “pasotismo” e o “desleixo” do rexedor ao longo dos case 30 anos que leva ao fronte do goberno municipal tiveron como consecuencia que a veciñanza de Serantes “consumira auga con arsénico, cos conseguintes efectos nocivos para a saúde”. Ante esta circunstancia, dende o PSOE de Leiro, esíxenlle ao goberno municipal do PP que “non deixe pasar máis tempo e se poña a traballar dunha vez por todas por velar pola seguridade da veciñanza”.

Os problemas de arsénico na comarca remóntanse xa aos anos 2007 e 2008 cando o Instituto Xeolóxico Mineiro informou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil da presenza de niveis de arsénico na auga dos pozos e nos mananciais que abastecen os núcleos de poboación de Castrelo de Miño, Punxín, Cenlle e San Amaro entre outros municipios. En 2013 a veciñanza de Punxín fixo público dito informe, motivo polo que a Consellería de Medio Ambiente, a través de Augas de Galicia, procedeu á instalación da segunda fase do bombeo de Razamonte, que na actualidade subministra auga aos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro.


- Te recomendamos -