Inicio Destacado Condenamos o discurso ateigado de referencias machistas de Telmo Ucha

Condenamos o discurso ateigado de referencias machistas de Telmo Ucha

O PSDEG-PSOE OURENSÁN CONDENA O DISCURSO “IRRESPONSABLE, NEGACIONISTA E ATEIGADO DE REFERENCIAS MACHISTAS” DO EDIL UCHA SOBRE A TRATA E A EXPLOTACIÓN SEXUAL DAS MULLERES

O grupo socialista esixe unha rectificación por parte do concelleiro de DO, logo de que no pleno municipal afirmase que o Día Mundial contra a Trata discrimina aos homes e que “existe a prostitución libre”

“É incomprensible que o edil encargado da defensa dos dereitos das mulleres e prevención do maltrato insinúe a existencia dunha suposta explotación sexual das mulleres cara aos homes”

Ourense, 7 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense reproba e condena o discurso “irresponsable, negacionista e ateigado de referencias machistas” do edil Telmo Ucha durante o debate plenario da moción socialista para impulsar medidas a nivel municipal e autonómico destinadas á erradicación da trata, a prostitución e a explotación sexual das mulleres.

O grupo socialista esixe unha rectificación expresa por parte do concelleiro, logo de que durante a súa intervención no pleno afirmase que o Día Mundial contra a Trata discrimina aos homes e que “existe a prostitución libre”.

“É aberrante que o concelleiro que ten as competencias delegadas de asuntos sociais ou igualdade sexa incapaz de admitir que as vítimas da explotación e da violencia sexual son maioritariamente mulleres, ou que se centre en facer especial fincapé na mal chamada prostitución libre”. Neste sentido, insisten en que é incomprensible que “o edil encargado da defensa dos dereitos das mulleres e prevención do maltrato insinúe que tamén hai que ter en conta a existencia dunha suposta explotación sexual das mulleres cara aos homes”.

“Lamentamos que o concelleiro Ucha non empregue a mesma vehemencia no seu relato para condenar a proxenetas e puteiros, sen os cales non habería explotación sexual nin prostitución”, subliñan.

As e os socialistas cualifican de “graves” as afirmacións de Ucha e lamentan que o edil rexeitase o convite da socialista Concha García para retirar as súas palabras por consideralas “vergoñentas”: “cos datos na man, hoxe en día non se pode facer ese tipo de afirmación”, censurou.

Así as cousas, dende o grupo socialista esixen unha rectificación inmediata por parte do concelleiro Ucha e insisten na necesidade de “sermos especialmente rigorosos cando falamos de cuestións de tanta transcendencia para o avance social como é a loita contra a trata ou a explotación sexual das mulleres”.


- Te recomendamos -