Inicio Destacado Logramos aprobar unha moción para desbloquear o futuro urbanístico de Ourense

Logramos aprobar unha moción para desbloquear o futuro urbanístico de Ourense

O PSDEG-PSOE CONSEGUE A APROBACIÓN DUNHA MOCIÓN PARA IMPULSAR UNHA NOVA FOLLA DE RUTA QUE PERMITA DESBLOQUEAR “DUNHA VEZ POR TODAS” O FUTURO URBANÍSTICO DE OURENSE

O grupo socialista tamén defendeu unha iniciativa para esixir que o Concello amplíe as axudas para comedor e material escolar e que a Xunta recupere a gratuidade dos libros de texto

A moción para a erradicación da trata, a prostitución e a explotación sexual non contou co voto a favor do grupo de goberno, Ciudadanos e o concelleiro tránsfuga, Laureano Bermejo

Ourense, 7 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE vén de conseguir a aprobación en pleno dunha moción para impulsar unha nova folla de ruta que permita desbloquear “dunha vez por todas” o futuro urbanístico da cidade, paralizado a día de hoxe “pola herdanza envelenada da era Cabezas” e as “ocorrencias” do alcalde Jácome. A través desta iniciativa, as e os socialistas esixían que o Goberno local procedese á convocatoria da comisión de seguimento do PXOM e que se actualizase o documento inicialmente aprobado en 2013, coa finalidade de apuntalar a súa seguridade xurídica e evitar unha nova caída do plan coma a acontecida en 2011.

A iniciativa de consenso contou cos votos a favor de toda a corporación, excepto dos edís de Democracia Ourensana e Laureano Bermejo, que se abstiveron. Nun xesto de xenerosidade e altura de mira política, o grupo socialista aceptou a emenda de substitución presentada polo PP, pola que se traballará nunha proposta de aprobación do PXOM actual, coa vontade de “mirar cara ao futuro” e “desbloquear o antes posible un documento do que dependen o urbanismo, o termalismo e o futuro dos nosos fillos e fillas”, manifestou a socialista Natalia González.

Leer más:   ¿Me puedo librar de ir a la mesa electoral si pido el voto por correo en Ourense?

A socialista tamén se pronunciou durante a súa intervención sobre o cambio de postura expresado polo Partido Popular, que por primeira vez apoia a segunda exposición ao público do plan: “ao PP dámoslle a benvida, xa que nestes tres anos nin sequera convocaron a comisión de seguimento nin de redacción do plan, mais agradécese que rectifiquen, porque é de sabios. Só agardo que o motivo deste cambio sexa a responsabilidade coa cidade de Ourense”, manifestou González, quen reiterou “benvidos señores e señoras do PP a esta nova folla de ruta para o desbloqueo do futuro urbanístico da cidade. A ver se é certo que podemos superar a herdanza de Cabezas e Cudeiro e facer política con maiúsculas”.

O grupo socialista tamén defendeu unha iniciativa para esixir que o Concello amplíe as axudas para comedor e material escolar e que a Xunta recupere a gratuidade dos libros de texto, que foi aprobada coa abstención do grupo de goberno, do tránsfuga Bermejo e do Partido Popular, ao non aceptarse a votación por puntos.

Leer más:   Elena Andrés, gañadora do XIX Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración

“Por que no Concello de Ourense non se pode dar a gratuidade de libros de texto e de comedor, nun contexto de crise? En xeral, estamos por detrás do resto dos concellos galegos en materia de prestacións” lamentou o voceiro socialista, Rafa Villarino, quen convidou ao Goberno local a “apostar polo que fan os mellores e seguir a liña do Goberno do Estado”.

Na súa exposición, Villarino tamén lle afeou á Xunta que continúe a precarizar un servizo tan básico como a educación, prescindindo de docentes e pechando aulas nun inicio de curso escolar especialmente duro para as familias, polo encarecemento do custe de vida derivado da guerra de Putin en Ucraína.

“Como é posible esta falta de sensibilidade nunha administración pública cando precisamente están a recibir millóns de euros do Estado?”, inquiriu o socialista ante o recorte nas partidas orzamentarias de educación mentres o Goberno do Estado vén de anunciar unha transferencia de 58,8 millóns de euros para as CCAA.

Leer más:   Presentamos unha moción para desbloquear o PXOM e garantir o desenvolvemento urbano sostible e de futuro en Ourense

Por último, a moción socialista –sen a emenda nacionalista, que foi rexeitada– para a erradicación da trata, a prostitución e a explotación sexual foi aprobada coa abstención do grupo de goberno, Ciudadanos e Laureano Bermejo.

No texto da iniciativa, PSdeG-PSOE de Ourense insta á Xunta e ao Concello de Ourense á posta en marcha de políticas públicas orientadas á “absoluta erradicación” da trata, unha lacra que afecta especialmente ás mulleres e nenas, que representan o 71 % das vítimas en todo o mundo, segundo os datos de Nacións Unidas.

Neste defensa da iniciativa promovida polo PSdeG-PSOE a nivel galego e aprobada este xoves no Parlamento de Galicia, a edil Concha García defendeu a abolición da prostitución, sinalando que “o traballo sexual non existe e a elección libre da prostitución é un mito que só beneficia aos proxenetas e aos puteiros”.

A respecto da emenda de engádega presentada polo BNG, a socialista aclarou que non podían aceptala por facer referencia á prostitución forzada: “toda prostitución é forzada, non existe a liberdade de elección e por tanto debemos votar en contra desta modificación porque perverte a esencia da nosa iniciativa”.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorOs e as socialistas acusan ao PP de deixar a un veciño sen auga pública por mor dunha «cacicada» do alcalde
Artículo siguienteCarmen R. Dacosta esixe condicións laborais dignas para os brigadistas das helitransportadas
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.